Caballero comprométese a crear unha mesa cos alcaldes para elaborar un "plan de reconstrución"

"Os nosos alcaldes e alcaldesas son a referencia para un Goberno mellor para Galiza, son o espello para abrir unha páxina de progreso na Xunta após o 12 de xullo", afirmou o candidato do PSdeG.
Gonzalo Caballero con representantes socialistas este sábado en Ourense (Nós Diario).
photo_camera Gonzalo Caballero con representantes socialistas este sábado en Ourense (Nós Diario).

Alcaldes e outros cargos do PSdeG arrouparon este sábado en Ourense ao seu secretario xeral na Galiza e candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, que apelou a conseguir a partir do próximo 12 de xullo un Goberno "en sintonía co poder municipal".

"O poder municipal na Galiza é socialista. Gobernamos en cinco das sete grandes cidades, en tres das catro Deputacións. E os gobernos socialistas representan progreso, estabilidade, benestar e oportunidades para a cidadanía", sinalou Caballero en declaracións aos medios na Fonte das Burgas.

"Os nosos alcaldes e alcaldesas son a referencia para un Goberno mellor para Galiza, son o espello para abrir unha páxina de progreso na Xunta após o 12 de xullo", sostivo, acompañado polos rexedores das cidades e o tres presidentes provinciais, aos que Caballero definiu como "os mellores alcaldes e presidentes". 

O candidadato subliñou que Galiza "necesita abrir unha etapa de benestar e progreso que estea en sintonía cos alcaldes e alcaldesas de referencia" no país. "Temos máis de 100 alcaldes, o 55% dos galegos teñen un alcalde socialista", continuou Caballero, que chamou a aproveitar o "impulso conseguido hai un ano" nas eleccións municipais para "abrir unha nova etapa" na Xunta a partir do 12 de xullo.

Abel Caballero, "o alcalde de referencia"

Así, destacou ao rexedor vigués e presidente da FEMP, Abel Caballero, como "o alcalde de referencia do país", a "gran tarefa" emprendida pola súa homóloga na Coruña, Inés Rey, desde que tomou o bastón de mando da cidade hai un ano ou a "gran experiencia e experiencia" de Xosé Sánchez Bugallo, que volveu á Alcaldía de Santiago en maio de 2019 oito anos despois.

Tamén enxalzou o traballo desenvolvido nas Deputacións, institucións gobernadas por socialistas en Pontevedra, A Coruña e Lugo. Da pontevedresa Carmela Silva, Caballero destacou o seu "compromiso feminista", do coruñés Valentín González Progreso "a súa capacidade de progreso" para a provincia durante o últimos oito anos e do lugués José Tomei o "impulso" dado tanto á institución provincial e ao concello que goberna, Monforte.

O líder dos socialistas galegos comprometeuse a "sentar" ao "poder municipal", despois das eleccións, para elaborar "un plan de reconstrución" para Galiza desde a Xunta.

Críticas á xestión da COVID-19

"A Galiza do futuro hai que facela en consonciancia e en sintonía co poder municipal", remarcou Gonzalo Cabllero, quen apelou a emendar a "nefasta" xestión do goberno do "escapista" Alberto Núñez Feixoo.

Así, asegurou que, durante a crise da COVID-19, os concellos enmendaron a "ausencia" do Goberno da Xunta. "Alí onde a Xunta non estivo e non tomou medidas estiveron os alcaldes do PSOE defendendo os intereses dos seus veciños", remarcou.

Comentarios