A oposición pide un plan post alarma

Coinciden en instar ao presidente da Xunta a "aclarar" as súas "incoherencias"

 

Bañistas na beira do río Miño en Lugo (Carlos Castro/EP).
photo_camera Bañistas na beira do río Miño en Lugo (Carlos Castro/EP).

O anuncio do presidente da Xunta e candidato do Partido Popular á reelección, Alberto Núñez Feixoo, sobre a posibilidade de deixar sen efecto a declaración do estado de alarma na Galiza a partir da vindeira segunda feira atopouse coa incredulidade dos partidos da oposición, que lle reclamaron, en declaracións a Nós Diario, que "aclare" as medidas que vai adoptar agora que recuperou as súas competencias coa entrada da última fase do desconfinamento.

"Feixoo ten que deixar de dar titulares buscando a confrontación e explicar con detalle que é o que quere facer", asegurou o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen incidiu na inacción da Xunta: "Reclamámoslle que abrise os centros de día, pedímoslle que actuase nas residencias de maiores e non o fai... Feixoo ten que responder das súas responsabilidades porque parece que el non goberna".

O candidato socialista incidiu en que o estado de alarma, decretado por Pedro Sánchez o pasado 13 de marzo, supuxo "unha garantía" e advertiu de que "todos queremos avanzar cara á nova normalidade e haino que facer con paso firme, pero sen cometer erros". Caballero preguntouse se o presidente da Xunta "está propoñendo a volta a unha nova normalidade total ou cara a onde quere avanzar".

O candidato de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, criticou a "absoluta irresponsabilidade" do PP "ao votar no Congreso en contra da prórroga do estado de alarma, pondo en risco a contención da epidemia".

Para Gómez-Reino, Feixoo mantén esa mesma actitude "irresponsábel e partidista". "Descoñecemos en base a que criterios, ou informes sanitarios ou científicos, basea a intención de deixar sen efecto esa ferramenta que permitiu salvar vidas", apuntou, ao considerar que "a súa proposta parece feita a medida para escaquearse das súas competencias".

"O relevante non é se o estado de alarma se levanta unha semana antes na Galiza que no resto do Estado, o relevante, e a iso debe responder o presidente da Xunta, é que decisión vai tomar sobre como se regula esta nova normalidade no noso país", aseverou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que pediu "un protocolo adaptado á nosa realidade".

"No proceso de desconfinamento non é importante chegar o primeiro, se non chegar nas mellores condicións para o conxunto da cidadanía. Por iso é incomprensíbel a total improvisación de Feixoo que anuncia a fin do estado de alarma sen ter os deberes feitos, sen ter un protocolo claro para que a cidadanía saiba como vai actuar e que facer a partir de agora", insistiu a candidata do BNG.

Pontón evidenciou os interrogantes sobre que vai pasar coas escolas infantís, co inicio de curso, coas restricións de capacidade en locais públicos e privados, e coas actividades lúdicas e sociais propias do tempo estival. "Son cuestións que tiña que ter aclarado antes de pórse a facer anuncios de autobombo para quedar como o listo da clase. Galiza non está para irresponsabilidades nin para improvisacións nunha cuestión tan seria", dixo.

Pola súa banda, o candidato da Marea Galeguista, Pancho Casal, tamén reclamou que Feixoo "aclare as súas incoherencias". "Cando a responsabilidade dependía do Estado cada día dicía unha cousa diferente. Agora, que ten el as competencias, parece que quere correr e darlle máis importancia ao turismo que á situación nas residencias, e ao feito de que os nenos e nenas non poidan ir ao colexio", sostivo.

Casal engadiu que "sería sorprendente que viñesen turistas de Madrid e que as crianzas non puidesen estar nas aulas con todas as garantías de seguridade". 

Comentarios