Pablo Arangüena: "Feixoo emprega a crise de forma contraria á ética para facer campaña"

Entrevistamos Pablo Arangüena Fernández, cabeza de lista do PSdeG ao Parlamento pola Coruña
O avogado Pablo Arangüena foi electo deputado no Congreso e preséntase o 12-X ao Parlamento. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O avogado Pablo Arangüena foi electo deputado no Congreso e preséntase o 12-X ao Parlamento. (Foto: Nós Diario).

—Anunciou que se o PSdeG goberna emprenderase unha política industrial non vista en 11 anos na Galiza. En que se baseará?

Primeiro cómpre ter unha estrutura para facer adecuadamente política industrial. Para iso, queremos unha reforma do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para convertelo nun verdadeiro organismo que impulse a economía e a política industrial.

Nos últimos anos non houbo nin moita nin pouca política industrial na Galiza, simplemente non existiu. Por tanto, cómpre redeseñar o Igape e a propia estrutura administrativa da Xunta para facer así política industrial. Esta, ademais, ha de estar focada nos sectores estratéxicos do país, polo que debe ser unha política selectiva e non a de café para todos do PP. É tamén preciso desenvolver a captación de investimento no exterior, cousa que na Xunta brillou pola súa ausencia. Xa apostamos antes da crise do coronavirus pola  industria e agora vólvese máis preciso, se cabe. 

—E como valora a xestión desa crise pola Xunta?

Hai que dicir con claridade que Alberto Núñez Feixoo aproveitou de forma contraria á ética a crise da COVID-19 para facer campaña electoral. Calquera que o observase viu que a súa preocupación estivo nas eleccións. Víuselle da mesma maneira tamén na TVG, con aproximadamente 30 roldas de prensa en prime time e cunha manipulación dos medios públicos galegos que é obscena.  

O presidente ademais pretendeu vender unha anticipación na xestión da crise que se desmonta tan só acudindo á hemeroteca.

—Vostede é moi crítico coa actuación da Xunta nas residencias de maiores. 

É que a xestión desta crise amosa que as residencias de maiores son un negocio onde hai imperios xeriátricos afíns e creados baixo os Gobernos do PP. Podo falar en concreto do grupo DomusVi, o primeiro  da Galiza neste sector e onde se produciron aproximadamente 25% das mortes, un  grupo que ademais adquiriu o negocio xeriátrico das caixas galegas e que nunca recibiu unha sanción por parte da Xunta, o cal é incomprensíbel dadas todas as denuncias de irregularidades que levan realizado as traballadoras e as familias de usuarias. Hai unha gran conivencia de DomusVi e a patronal das residencias coa Xunta do PP que vemos, ademais de na ausencia de denuncias, noutros aspectos como son os premios outorgados a Josefina Fernández (responsábel de DomusVi), afín ao PP e amiga de Feixoo e Corina Porro. 

A xestión da Xunta nas residencias amosa neglixencia, falta de anticipación á pandemia e conivencia; e isto tense que investigar por todos os medios. 

Comentarios