Caballero apela aos progresistas para "pasar páxina aos recortes"

O socialista denuncia a "inacción" de Feixoo.
Gonzalo Caballero e Valentín González
photo_camera Gonzalo Caballero e Valentín González

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou  onte á "maioría progresista" para, despois do 12 de xullo, "pasar páxina" á política de "recortes" e de "inacción" do presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feixoo. No actual contexto, propuxo tamén promover "un acordo de país" para a reconstrución económica e social da Galiza, perante as consecuencias xeradas pola crise sanitaria, á vez que reclamou de novo un fondo da Xunta de 300 millóns para os concellos. Así o manifestou após unha reunión co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, cuxa xestión durante esta crise sanitaria puxo como exemplo das políticas socialistas.

Na mesma liña, reivindicou o labor do Goberno estatal, do que dixo que tomou "decisións moi importantes para conseguir construír un escudo que protexese a cidadanía". Ademais, subliñou o labor dos concellos polo seu "traballo de primeira liña" e, en particular, as políticas das deputacións socialistas para "darlles apoio".

"Para cubrir as carencias que o Goberno galego deixou sen cubrir", expuxo Caballero, para quen nesta crise "constatouse a ausencia de medidas" da Xunta. "Foron os concellos, os Gobernos municipais con compoñente progresista, os que axudaron nos momentos de máis dificultade", apuntou, criticando que "non recibisen esa axuda" da Administración galega.

Acordo territorial e social

Por todo iso, considerou necesario "un grande acordo de país". "Un acordo político territorial e social cunha folla de ruta para a reconstrución económica e social", apostilou Caballero, que reprochou a Feixoo "non estar en contacto" co municipalismo e ter apostado por "unha estratexia persoal e personalista" durante estes meses de crise pola expansión do coronavirus.

Comentarios