Os equipos de Bugallo e Sanmartín inician o traspaso de poderes en Santiago

O PSOE non formará parte do goberno que liderará o BNG, mais si, previsibelmente, os dous edís de Compostela Aberta.
Os equipos de PSOE e BNG reuníronse esta terza feira no Pazo de Raxoi. (Foto: Concello de Santiago)
photo_camera Os equipos de PSOE e BNG reuníronse esta terza feira no Pazo de Raxoi. (Foto: Concello de Santiago)

O alcalde de Santiago en funcións, Xosé Sánchez Bugallo, e a candidata á Alcaldía do BNG e futura rexedora, Goretti Sanmartín, reuníronse esta terza feira cos seus equipos no Pazo de Raxoi para iniciar o traspaso de poderes. Na xuntanza, da que informou o Concello a través dun comunicado, participaron os concelleiros do actual goberno en funcións, así como os edís electos do Bloque nos comicios locais do pasado 28 de maio.

Bugallo precisou que a reunión serviu para "trasladar toda a documentación" e porse a disposición do goberno entrante para colaborar e resolver calquera dúbida ao respecto. O alcalde saínte, que xa avanzou que renunciará á súa acta de concelleiro e ao liderado dos socialistas da capital galega, aproveitou a ocasión para desexarlle "a máxima sorte e o máximo acerto" a Sanmartín, así como que o seu Executivo faga "o mellor para Santiago".

Pola súa parte, Goretti Sanmartín deu conta de que o BNG recibiu os informes de traspaso de poderes de mans do goberno do PSOE e avanzou que desde agora empezarán a decorrer "reunións individuais" entre as persoas responsábeis de cada área para profundar máis en detalle e "aclarar aquelas dúbidas que puidesen xurdir".

A nacionalista expresou o seu agradecemento pola "cordialidade e a posta a disposición destes informes por parte do grupo socialista para iniciar esta nova etapa". A sesión constitutiva será este sábado, día 17, ás 10 horas, no Salón de Plenos de Raxoi.

Un goberno en minoría

A reunión ten lugar un día despois de se coñecer a decisión final do PSOE de non entrar no novo Goberno local. Así o decidiron os socialistas nunha reunión mantida esta segunda feira entre a dirección galega, a provincial e o grupo municipal. Mentres que no PSOE santiagués existían posturas diferentes sobre se entrar ou non no equipo de Goretti Sanmartín, a dirección galega era partidaria de non formar parte del.

Malia  que os socialistas non entrarán no goberno, Sanmartín ten garantida a investidura, pois os edís socialistas si avanzaron que apoiarán a súa toma de posesión o vindeiro sábado. Entre tanto, o Bloque negocia con Compostela Aberta a súa entrada no Executivo da man dos concelleiros electos María Rozas e Xan Duro, ambos os dous con experiencia previa de goberno da man de Martiño Noriega —entre 2015 e 2019—. Alén de Sanmartín, integrarán o equipo de goberno do BNG Míriam Louzao, Xesús Domínguez, Pilar Lueiro, Manuel César Vila e Iago Lestegás.

Na oposición ficarán tanto o Partido Popular de Borja Verea, que obtivo 11 escanos o pasado 28 de maio, mellorando os resultados da súa formación en 2019 mais sen a forza suficiente para gobernar, e o PSOE, con 6 edís. Entre eles non estarán nin Bugallo nin Xoaquín Fernández Leiceaga, que concorrera como número tres da candidatura socialista malia que finalmente tampouco recollerá a acta.

Comentarios