O BNG de Santiago propón cambiar o nome da Avenida Juan Carlos I por Avenida da República

O grupo municipal nacionalista levará esta cuestión ao vindeiro pleno da capital galega.


 

Avenida JUan Carlos I Santiago
photo_camera Avenida Juan Carlos I

O BNG de Santiago vai propoñer cambiar o nome da Avenida Juan Carlos I da capital galega ao de Avenida da República. “Na actualidade a Fiscalía está a investigar indicios de delitos coa presunta implicación do rei emérito relacionados co branqueo de capitais, cobros de comisións e fraude fiscal; cuestións que, xunto cos motivos que o levaron a abdicar, non o fan digno de facer parte do rueiro compostelán”, explicou a concelleira nacionalista Navia Rivas.

O BNG aponta que nos últimos anos, diversas cidades están a retirar os nomes da familia real dos viarios municipais así como as distincións outorgadas no pasado, “por considerarse a monarquía como unha figura anacrónica e, cada vez, máis asociada a presuntas irregularidades económicas e delituosas derivadas do abuso e do privilexio dos cargos que ostentan”, engadiu.

Santiago de Compostela mantén a avenida denominada Rei Xoán Carlos I, como prolongación da avenida Rosalía de Castro, pola que transcorría o denominado Camiño Novo. No Pleno do 6 de maio de 1981 aprobouse o seu cambio de designación, para substituír o nome de Martínez Anido, que fora ministro de Gobernación con Primo de Rivera e de Orde Pública con Francisco Franco.

Segundo información facilitada polo profesor e investigador Xosé Ramón López Boullón, a actual avenida Xoán Carlos I tivo con anterioridade distintas denominacións como avenida de Martínez Anido, avenida da Liberdade, Camiño Novo, Campo da Feira ou Camiño de Pontevedra, entre outros.

Comentarios