BNG e PSdeG esixirán explicacións a Baltar por "conduta delituosa"

O Bloque pedirá un pleno extraordinario da entidade provincial no caso de que o presidente non responda ou "profunde aínda máis na crise de credibilidade".

Xosé Manuel Baltar cun cartaz recuperado da revista ‘Nós’, deseñado por Cándido Fernández Mazas. (Foto: Xan Carballa).
photo_camera Xosé Manuel Baltar cun cartaz recuperado da revista ‘Nós’, deseñado por Cándido Fernández Mazas. (Foto: Xan Carballa).

Os grupos do BNG e do PSdeG na Deputación de Ourense rexistraron cadansúa iniciativa de carácter urxente para que o presidente provincial, o popular Manuel Baltar, ofreza explicacións no pleno ordinario deste mes de abril, que se celebrará esta sexta feira, 28 de abril, e será o último do mandato, sobre a súa "conduta presuntamente delituosa" cando conducía un coche oficial da institución en dirección Madrid a 215 km/h.

Os axentes deron o alto a Baltar, o domingo, á altura do municipio zamorano de Asturianos, conducindo o vehículo oficial a esa velocidade. Agora, os socialistas e nacionalistas rexistraron unha batería de preguntas para resposta oral na sesión plenaria.

O BNG tamén previsto solicitar no pleno desta sexta feira que o presidente provincial dea explicacións sobre o ocorrido e o motivo da súa viaxe a Madrid.

Iso si, o seu portavoz, Bernardo Varela, manifesta que, de non obter respostas que aclaren "esta grave situación" ou no caso de que "profunden aínda máis na crise de credibilidade", solicitarán o respaldo doutros grupos para a convocatoria dun pleno extraordinario onde tratar o tema e "dirimir as responsabilidades de José Manuel Baltar e o Partido Popular se estes apoian non aclarar a situación".

Tamén falou sobre este asunto o portavoz municipal do BNG en Ourense e candidato á Alcaldía, Luís Seara, quen sinalou que os feitos son "dunha tremenda irresponsabilidade". "Xa non soamente falamos da comisión dun delito, feito xa de seu grave, senón das consecuencias que podería ter", agregou.

Neste contexto, o candidato do Bloque advirte que o pago da sanción e os gastos da posíbel responsabilidade penal "baixo ningún concepto" poden saír "das arcas da Deputación Provincial".

Ademais, Seara reclama a Baltar que "non se esconda" nin diga que foi "un descoido", porque é "un insulto á intelixencia" despois de coñecerse, segundo publican varios medios de comunicación, que non foi "un feito illado".

O PSdeG exixe a dimisión do presidente

Pola súa parte, o PSdeG tamén interpela o presidente ourensán con quince cuestións relacionadas con estes feitos. En concreto, consulta os motivos da viaxe, a ausencia do chofer oficial, que persoas viaxaban no vehículo, os xustificantes de aloxamento e das autoestradas en Madrid, e tamén cal foi o motivo polo que "o seu goberno non identificou a un condutor ou condutora do mesmo vehículo ante unha sanción imposta en setembro de 2021 na provincia de Lugo, que ascende a 1.500 euros".

Os socialistas consideran que a iniciativa está "sobradamente xustificada" que vaia por carácter urxente ao producirse os feitos despois da convocatoria das Comisións Informativas do pleno, polo que a súa inclusión de forma ordinaria era "temporalmente imposible".

Igualmente, motivan a urxencia lembrando que esta sesión é a última do mandato actual, polo que se non se trata esta sexta feira xa non poderá ser tratada pola actual corporación.

Nestes termos sinalan os socialistas que os "feitos supostamente delituosos descritos pola Garda Civil" deberán ser resoltos "no ámbito penal a través dun xuízo rápido que se celebrará nas próximas semanas", polo que se non se debate o asunto nesta sesión o presidente poida que nunca ofreza á corporación actual as preceptivas explicacións.

Así pois, os socialistas exixen que Manuel Baltar deixe o cargo de presidente pola "suposta pero evidente comisión dun delito" contra a seguridade viaria.

Consideran que puxo "en grave risco a vida doutras persoas" nas estradas ao circular a 215 km/h e afean que a comisión destes feitos "non permite reunir as condicións de honorabilidade e exemplaridade que require o cargo".

Comentarios