Rueda evita aclarar se castigará Baltar e afirma que o ourensán "sente" a súa infracción

"Recoñece os feitos até o punto de que había unha sanción que el paga", sinala o presidente da Xunta, que afirma coñecer só "unha infracción administrativa".
Alfonso Rueda e José Manuel Baltar, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Agostime Iglesias / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda e José Manuel Baltar, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Agostime Iglesias / Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza e líder do PPdeG, Alfonso Rueda, evitou polo de agora avanzar medidas disciplinarias ou doutra índole contra o presidente dos populares ourensáns e da Deputación, José Manuel Baltar, con quen falou logo de transcender que foi detectado mentres circulaba nun vehículo oficial da institución provincial a 215 quilómetros por hora na autovía A-52, en dirección a Madrid.

Rueda optara por gardar silencio sobre o caso na sesión de control que albergou esta cuarta feira o Parlamento da Galiza, na que desde a oposición, tanto BNG como PSdeG, urxiron que exixise responsabilidades ao dirixente ourensán, á vez que suxerían que, se non o fai, será porque "non ten autoridade" ou porque "quen manda en Ourense" é Baltar.

Porén, a preguntas dos medios antes de participar nun acto en Pontevedra, si que recoñeceu que falou con Baltar en dúas ocasións —a pasada noite e na mañá desta cuarta feira—. "Recoñece os feitos até o punto de que había unha sanción que el paga", aseverou, antes de incidir en que está seguro de que "o primeiro que o sente" é o propio líder do PP provincial de Ourense.

Ante a insistencia dos medios a respecto de se a formación vai dar algún paso contra Baltar, respondeu que el "só" coñece "unha infracción administrativa", que o afectado admite e pola que abona a multa correspondente. "E isto é o que hai neste momento", dixo, se ben recoñeceu que considera que os representantes políticos teñen que "dar exemplo". Neste punto, recalcou que, se algo lle quedou claro após a súa conversa co ourensán, é que el é "o primeiro" que "sente" a súa conduta.

"Eu non son xuíz"

Preguntado de novo en relación a que a Garda Civil remitiu ao xulgado o atestado por exceso de velocidade pola posíbel comisión dun delito contra a seguridade viaria e tamén sobre o feito de que conducise un vehículo oficial, Rueda defendeu que descoñece "todo iso". Recalcou que el coñece "o que foi alí notificado", antes de engadir que, sobre "outros condicionantes", tería que ver "como se cualifican". "E eu non son xuíz", aseverou.

Finalmente, minimizou a relevancia de que fose ao volante dun vehículo da Deputación. Segundo defendeu, é algo que fai "habitualmente" cando ten reunións, como neste caso —malia que, denunciou o PSOE, na súa axenda oficial non había actos programados en Madrid—. Por iso, concluíu que non lle ve "maior relevancia" ao asunto.

José Manuel Baltar foi interceptado pola Garda Civil e proposto para unha sanción administrativa consistente nunha multa económica de 600 euros —que xa abonou coa redución á metade por pronto pagamento (300 euros)— e a perda de seis puntos do carné.

Comentarios