A oposición pide explicacións pola multa a Baltar e Rueda garda silencio: "Non ten autoridade para exixir responsabilidades?"

O PSOE de Ourense reclama a "dimisión inmediata" do presidente da Deputación tras ser multado por conducir a 215 km/h nunha autovía e, desde o Parlamento, Ana Pontón (BNG) e Luís Álvarez (PSdeG) preguntan polo sucedido a un esquivo Alfonso Rueda.
Manuel Baltar, presidente da deputación ourensá (Foto: Deputación de Ourense)
photo_camera O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar. (Foto: Deputación)

José Manuel Baltar fica esta cuarta feira no centro da polémica após coñecerse que vén de ser sancionado cunha multa de 600 euros e a retirada de seis puntos do carné logo de ser dectado o seu coche, na autovía A-56 ao seu paso pola localidade de Asturianos (Zamora) en dirección Madrid, a unha velocidade de 215 quilómetros por hora, chegando case a duplicar o límite permitido.

Tanto BNG como PSdeG-PSOE sacaron a debate esta cuestión na sesión parlamentaria de control ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda. "Vai exixir responsabilidades a Baltar por un suposto delito contra a seguridade viaria? Ou non pode porque non ten autoridade para facelo?", cuestionou a líder nacionalista, Ana Pontón.

Ana Pontón: "Vaille exixir responsabilidades ou non pode porque non ten autoridade para facelo?"

E na mesma liña interpelou a Rueda o portavoz socialista na Cámara, Luís Álvarez: "Vai pedir algunha responsabilidade a Baltar por ese gravísimo feito? Vai tomar algunha decisión?". O presidente galego obviou esta parte das intervencións de Pontón e Álvarez e limitouse a responder as cuestións referidas ás preguntas previamente rexistradas, sen facer mención ningunha ao incidente de Baltar.

"Nin unha mención a unha situación tan, tan grave. Lamento que se estree así como presidente do PPdeG e que como presidente dos galegos non teña nada que dicir", censurou Pontón. E, na súa quenda, Álvarez reprochou á bancada 'popular' os comentarios que estaban a escoitarse: "Poden tomalo a broma. E logo facemos aquí [no Parlamento] comisións e propostas de seguridade viaria".

Socialistas de Ourense reclaman unha "dimisión inmediata"

Máis crítico foi o PSOE de Ourense, que demandou esta cuarta feira a "inmediata dimisión" do presidente da Deputación por cometer un "presunto delito contra a seguridade viaria" ao circular "cun dos coches oficiais da institución, que conducía el mesmo", a unha velocidade de 215 km/h.

A agrupación socialista ourensá considera "indecente" e "absolutamente inaceptábel nunha democracia" que o presidente da institución cometese este "grave delito", "conducindo temerariamente un coche oficial noutra provincia para facer actividades, que aínda non explicou, un domingo". "A onde se desprazaba Baltar realmente co coche pago por todos e todas se na súa axenda oficial non aparecía acto algún en Madrid ou fóra de Ourense, nin ese domingo nin a segunda feira posterior?", cuestionaron.

"A onde se desprazaba realmente se na súa axenda oficial non aparecía acto algún en Madrid ou fóra de Ourense?", cuestiona o PSdeG

Os socialistas aseguran que Manuel Baltar "non pode continuar nin un minuto máis á fronte da presidencia da Deputación ourensá por decencia democrática" porque "confunde a Deputación coa súa casa". "Non reúne a honorabilidade e exemplaridade que require o cargo", enganden, en relación a "un delito grave que puido ter consecuencias moito máis graves".

Lembran tamén que o código ético da Deputación, redactado do "puño e letra" do propio Baltar, determina que os cargos públicos da institución "non deben conducir a súa conduta de tal modo que poida prexudicar a imaxe da organización que representa ante a cidadanía ou a afectar a súa reputación institucional". Ademais, indica que "deben eludir calquera acción ou omisión que poida prexudicar nin sequera sexa minimamente a imaxe institucional e minar a confianza da cidadanía". "Estes graves feitos, obviamente, son unha afronta á Deputación", subliñan.

Os socialistas reclaman a súa dimisión "cando antes", porque un "presunto delincuente" non pode estar á fronte dunha institución pública tan "honorábel e respectábel como é a Deputación de Ourense". Na mesma liña, exixen ao presidente do PP galego e da Xunta, Alfonso Rueda, e ao presidente estatal do PP, Alberto Núñez Feixoo, que "tomen cartas no asunto cando antes".

"Unha formación como o PP non pode ter entre as súas filas e a persoas como Baltar, que conducen temerariamente e ilegalmente un coche oficial pago con fondos públicos, pondo en risco a vida doutras persoas e cometendo presuntos delitos penados con até dous anos de prisión", conclúen os socialistas, que urxen medidas aos líderes conservadores.

Comentarios