O BNG proporá no Congreso a reforma da Lei da Cadea Alimentaria

Reunión de Rego con representantes da Fruga.
bng fruga 2
photo_camera Elías Somoza, Manuel da Cal e Néstor Rego, reunidos esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, após manter unha xuntanza cos representantes da Federación Rural Galega (Fruga) Elías Somoza e Manuel da Cal, defendeu manter o compromiso coa defensa dos intereses do sector agrogandeiro galego nesta lexislatura nas Cortes do Estado. 

Entre as prioridades, sinalou Rego, o BNG defenderá un reaxuste da PAC [Política Agraria Común]  para "adaptala á realidade galega", así como a "desburocratización" para as explotacións gandeiras, a inclusión do sector vitivinícola galego no reparto de fondos europeos e a reforma da Lei de Cadea Alimentar para garantir, así, que a venda non teña lugar a un prezo inferior ao custo de produción dun ben.

Nese sentido, o representante do nacionalismo galego na Cámara baixa española situou a "necesaria" modificación desa lei na necesidade de "permitir a fixación de prezos con referencia a indicadores xerais que marquen organismos públicos ou estudos emanados polas universidades”.

Entre as demandas recollidas, o deputado nacionalista demandará a desburocratización e a diminución das cargas para as explotacións co gallo do regulamento de nutrición, así como tamén as cargas derivadas da regulación das granxas bovinas. “O Goberno do Estado debe ter en conta a realidade das explotacións galegas e non pode aplicar as mesmas obrigas ás macrogranxas que ás pequenas explotacións de pastoreo sustentábel” afirma Rego.

No relativo á tramitación da PAC, reclamará a modificación e adecuación do reparto dos fondos “para adecualas ao territorio galego e ao noso modelo produtivo de pequenas e medianas explotacións”. “O MAPA debe ter en conta as necesidades e especificidades dos distintos territorios do Estado nos ecoesquemas da PAC” subliña. De non rectificar e non modificar esta regulación, alerta Rego, o sector agrogandeiro estará a ser tratado de maneira inxusta.

Alén do máis, Néstor Rego destaca os compromisos adquiridos co sector vitivinícola galego no que ten haber co reparto dos fondos europeos, nos seguros agrarios e mesmo ante o desembarco de capital estranxeiro no sector vitícola galego.

Comentarios