Fruga pide recoller nos contratos lácteos os 40 céntimos de custos de produción

O sindicato alerta de que se a industria asina por baixo dese prezo estaría a incumprir a Lei da Cadea Alimentaria
Os produtores denuncian que están a vender o leite a perdas (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Os produtores denuncian que están a vender o leite a perdas (Foto: Xunta da Galiza).

Esta semana, o conselleiro de Medio Rural, José González, mantivo en Compostela un encontro con representantes do sector gandeiro aos que, entre outras cuestións, trasladoulles os resultados dun informe elaborado por este departamento no que cifraba entre 39 e 40 céntimos por litro os custos de produción que soportan as explotacións galegas de leite.

Ante esta circunstancia, a Federación Rural Galega (Fruga), unha das entidades que estivo presente nesa reunión, vén de exixir que esta cantidade quede recollida nos novos contratos que se asinen entre industria e produtores.

Segundo indican nun comunicado, "os prezos do leite deben subir de forma considerábel" á vista dos datos da Consellaría, que cifraba a redor dos 36 céntimos os custos de produción en 2020, o que, sumado ao aumento de 13% rexistrado en 2021, sitúa os custos de produción na contorna dos 40 céntimos no arranque do presente exercicio.

"Evidentemente, e aceptando que estes son os custes de produción, non se debería asinar ningún contrato por debaixo deste prezo. Do contrario estariamos incumprindo a Lei da Cadea Alimentaria", advirten.

Neste senso, desde o sindicato lembran que o texto legal estabelece que cada operador da cadea alimentar está obrigado a "aboar ao inmediatamente anterior un prezo igual ou superior ao custe de produción" polo que, en base a esta obriga, "non se pode pagar por parte das empresas recolledoras por debaixo do que nos custa producir un litro de leite", reclaman desde a Fruga.

Ofertas á baixa

Porén, advirten de que na actualidade estanse a asinar contratos entre as industrias e o sector produtor, que, se non contemplan eses 0,40 euros de custos por litro, significaría que os gandeiros estarían a vender a perdas, o cal, "ademais de perder cartos", suporía "incumprir a lexislación vixente", insisten.

Neste senso, entenden que tanto a Consellaría de Medio Rural como o Ministerio de Agricultura "deben tomar cartas no asunto e intentar que todas as explotacións galegas alcancen un prezo mínimo de entre os 0,39 e os 0,40 euros litro".

Pola contra, advirten de que as ofertas que lles están a presentar as distintas industrias "están moi lonxe deste prezo", polo que piden ás administracións competentes que, a través de órganos como a Axencia de Información e Control Alimentario (AICA), "interveñan e eviten que se asinen contratos por baixo destas cantidades". 

Comentarios