Fruga ve na modificación da IXP ‘Tenreira Galega’ un "serio prexuízo para moitas gandarías galegas

A Federación Rural Galega afirma que esta proposta "soamente se fai para favorecer os interese da agro- industria: cebadeiros e grande distribución".

Explotación gandeira (Tenreira galega)
photo_camera Explotación gandeira (Tenreira galega)

A Federación Rural Galega, Fruga, mostra o seu “desacordo” para coas  propostas de modificación regulamentaria, dentro da IXP “Ternera Gallega”, en relación coas novas condicións que ten de cumprir a categoría Suprema. “Vai supor un serio prexuízo para moitas gandarías galegas, que realizan un sistema de manexo totalmente extensivo”, aseguran.

Con esta proposta, explican, o Consello Regulador parece indicar que todos os problemas da categoría Suprema se reducen ao proceso de acabado e en consecuencia para o solucionar teñen de se adoptar novas esixencias. “Esixencias que van supor que todos os xatos terán de ser estabulados antes de ser sacrificados”.

Para a Fruga, de se impor esta condición “vai impedir que moitas explotacións que optan polo sistema extensivo, e pola alimentación en base a pastos, rotando nas distintas parcelas, non poden ser clasificadas como de “Tenreira Galega” Suprema.

A Fruga afirma que “non entende esta proposta, xa que a sua aplicación pode provocar un descenso importante no número de xatos sacrificados baixo esta categoría, na medida en que perante a necesidade de ter de afrontar gastos para adecuar as instalacións, e mesmo a posibilidade de acrecentar as dificultades no manexo das explotación, estas poden non optar por este método de finalización e en consecuencia prefiran optar por vender os xatos ao finalizar o período de aleitamento, aínda a costa de ver minguados os seus ingresos, e deste xeito o que se verá acrecentado vai ser o número de xatos que van ser sacrificados como animais de cebadeiro. Sen descartar o peche de numerosas explotacións de extensivo que cumpren unha grande función social, económica e de loita contra o lume. A non esquecer que a maioría destas explotacións se encontran nas zonas de montaña da Galiza, a mais desertizada”.

A filosofía da agro-industria con respecto a este tema é moi clara, afirman: “Prefiren unha redución da Suprema, utilizando esta marca única e exclusivamente como produto reclamo que lle dá un grande prestixio a IXP perante os e as consumidoras, e por detrás sacrificar o maior número de animais de “Tenreira Galega” Normal, a través de fenómenos de integración, e outro tipo de métodos intensivos de produción”.

Nestes momentos, indican, estamos observando como os cebadeiros, perante a redución do número de vacas de leite que se está a dar no país, precisan mercar os xatos para cebar noutras gandarías, e evidentemente soamente os van poder substituír mercándoos nas gandarías que fiquen excluídas da categoría Suprema, conseguindo que unha parte das explotacións extensivas do noso país se convertan en materia prima dos cebadeiros.

“Non é de recibo que soamente sexan os produtores con sistemas extensivos os que teñen que sufrir as consecuencias destes cambios no regulamento para favorecer os intereses da agro-industria”.

Comentarios