Pontón avanza unha alternativa do BNG a uns orzamentos "insolventes"

A líder nacionalista di que as contas "debilitan" Galiza.
Ana Pontón onte na comparecencia de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón onte na comparecencia de prensa. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acusou esta sexta feira a Xunta de "pura propaganda" ao falar de "cifras récord en sanidade", para a continuación asegurar que "o que fan é conxelar" o investimento neste ámbito. En rolda de prensa, a líder da oposición sinalou que os presupostos da Xunta para 2023 en Atención Primaria, se se desconta o efecto da inflación, contarán con 321 millóns de euros menos que no ano 2009. "Non hai unha aposta por dotar de máis medios humanos a Atención Primaria nestes orzamentos, ao contrario", criticou Pontón. 
A continuación, e após volver criticar a rebaixa do imposto de Patrimonio porque "regala 34 millóns ás 7.700 familias con máis patrimonio da Galiza", Ana Pontón cualificou as contas do Executivo galego de "insolidarias, insolventes e propagandísticas".

Ensino privado

Nesta liña, asegurou que "o que si aumenta, en 4%, son os cartos que o Partido Popular  destina é educación privada e á concertada, con 273 millóns de euros", explicou a líder da oposición. 

Pontón avanzou que o BNG presentará "unha alternativa" a uns orzamentos para o exercicio 2023 nos que, incidiu, "descontando a inflación, a sanidade e a educación públicas teñen menos recursos que en 2009".

A portavoz da formación nacionalista reiterou que o BNG presentará unha emenda á totalidade, con propostas como un plan de choque de 200 millóns de euros para reforzar a Atención Primaria, "porque non son os presupostos que precisa Galiza nesta conxuntura de descontrol de prezos e, lonxe de fortalecer o país ante a crise, debilítano", concluíu.

Efrén Castro en Sarria

Ana Pontón desprazouse na tarde desta sexta feira a Sarria para arroupar o candidato do BNG á Alcaldía deste concello nas eleccións de maio, Efrén Castro, na súa presentación oficial. Castro concorreu por primeira vez como candidato nacionalista ao Concello de Sarria en 2015.

Comentarios