O BNG propón un gran pacto pola auga e presenta medidas contra o cambio climático

Para Luís Bará, o cambio climático está "a xerar riscos reais para o futuro" da Galiza e constitúe "un dos tres desafíos máis importantes" aos que o país "terá que enfrontarse nos próximos anos".
O deputado nacionalista Luís Bará, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado nacionalista Luís Bará, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG no Parlamento galego Luís Bará presentou esta sexta feira un conxunto de propostas que a formación nacionalista trasladará á Xunta para loitar contra a "emerxencia climática" que vive Galiza fronte á inacción dun Goberno "desganado e preguiceiro". A creación dun gran pacto galego pola auga, a posta en marcha dun plan de medidas urxentes dotado con 20 millóns anuais e a asunción por parte da Galiza de todas as competencias en materia de clima e auga son os elementos sobre os que pivota a proposta do BNG.

Para Bará, o cambio climático está "a xerar riscos reais para o futuro" da Galiza e constitúe "un dos tres desafíos máis importantes" aos que o país "terá que enfrontarse nos próximos anos", aseverou. Fronte a iso, os nacionalistas afean a "falta de resposta da Xunta nesta materia". Bará cualificou o de Alfonso Rueda como un "goberno ausente" e "desganado" que actúa "co depósito na reserva" e "en diferido" e comparouno cun "oso preguiceiro".

A emerxencia climática, segundo Bará, "ten un forte impacto na Galiza", con efectos que van desde períodos de seca "máis dilatados" a ondas de calor "máis intensas", precipitacións concentradas ou condicións favorábeis para grandes incendios.

Tres medidas

Fronte a isto, o BNG reclama a elaboración "desde xa" dun pacto galego pola auga, que "debería aprobarse no Parlamento no primeiro trimestre de 2024". Dentro del, sinala Bará, debería de haber un "bo diagnóstico da situación" hídrica no país, os recursos dos que dispón e os modos de protección de acuíferos e masas de auga. Tamén reclama que se planifique o ciclo urbano da auga, mellor financiamento neste ámbito, a creación do Consello Galego e Consellos territoriais para o uso sostíbel da auga, reutilización de augas grises e pluviais e un programa de aforro "non supeditado só a estados de alerta".

En segundo lugar, o BNG pide un plan de medidas urxentes 2023-2025, dotado con, polo menos, 20 millóns de euros anuais para "abordar actuacións urxentes" en redes de abastecemento, mellora de subministración de auga a zonas de industria agrogandeira, apoio a sectores económicos afectados pola seca ou axudas a concellos para mitigar os efectos da seca e das ondas de calor.

Finalmente, a formación nacionalista exixe a transferencia á Galiza de todas as competencias en relación co clima e a xestión da auga.

Comentarios