O BNG pon en valor o seu modelo municipal, "capaz de crear dinamismo económico, social e cultural nas pequenas vilas do rural”

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou a Feira do Viño de Vilachá para resaltar o potencial dos municipios rurais, o 90% do total do territorio galego e claves para o futuro do País

Ana Pontón durante a súa visita á Feira do Viño de Vilachá.
photo_camera Ana Pontón durante a súa visita á Feira do Viño de Vilachá.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou a Feira do Viño de Vilachá, na Pobra do Brollón, que chega este ano o seu 30ª aniversario. Trátase dunha celebración que se distingue especialmente por levarse a cabo nunha contorna de gran valor histórico e etnográfico: un conxunto de adegas centenarias.

“A denominación de orixe Ribeira Sacra ten uns caldos de excelente calidade pero ademais, esta feira ten a particularidade de celebrarse nun entorno privilexiado, de gran valor etnográfico, histórico e paisaxístico”, indicou Pontón.

O sector vitivinícola é clave no medio rural, pola súa capacidade para xerar riqueza e emprego, pero tamén pola súa capacidade para preservar o territorio, fixar poboación e dinamizar outros sectores económicos como o turismo de calidade. Con respecto disto, a portavoz nacional lembrou que “estamos a falar dun sector que contribúe decididamente a manter vivo e activo o rural”.

“Nunha Galiza no que o 90% do territorio é rural non se entende o futuro se deixamos atrás a maior parte do noso territorio”, indicou. Neste sentido, o BNG aposta por unha discriminación positiva co medio rural, en particular en materia de servizos públicos, por un rural ben conectado en mobilidade e tamén en novas tecnoloxías, que fixe poboación e que sexa atractivo para á mocidade.

“No Bloque somos capaces de darlles calidade de vida aos concellos, de transformalos en positivo, con servizos, con actividades de ocio e lecer para a veciñanza e con dinamismo económico, social e cultural tamén nos pequenos municipios”, declarou a líder nacionalista.

Poñendo como modelo Allariz, pero tamén San Sadurniño, Moeche, Barro, Mazaricos ou A Pobra do Brollón, indicou que “ese modelo municipal de éxito é o que queremos estender por todo o rural e por toda Galiza a partir do 28M”.

 

Nestor Rego en Narón

Pola súa parte, Néstor Rego, deputado polo BNG no Congreso dos Deputados, coincidiu en poñer en valor os gobernos municipais do BNG na súa intervención durante a presentación da candidatura nacionalista en Narón. “Os gobernos municipais do BNG desenvolven políticas transformadoras que mudan, en positivo, a vida da xente”. De facto, engadiu, a organización nacionalista aspira a estender e mellorar os servizos públicos, así como dotar de máis recursos o Concello.

“A marca de concellos BNG é unha marca de prestixio dentro dun proxecto nacionalista que aspira a mudar a realidade do País e que cumpre todo aquilo co que se compromete” afirmou.

Comentarios