Pontón pon en valor as políticas do BNG que "melloran a vida da xente"

A líder nacionalista destaca a implicación da veciñanza
OROSO_SAÚDE MENTAL_BNG_2M_6

As políticas impulsadas polo BNG nos Concellos axudan a mellorar a vida da xente. Esta foi a mensaxe que esta terza feira quixo trasladar a portavoz nacionalista, Ana Pontón, nunha intensa xornada que principiou pola mañá en Oroso para rematar en Viana do Bolo previo paso por Arteixo. 

A líder da oposición estivo en Oroso para manter un encontro con membros da comunidade educativa e traballadores e traballadoras do ámbito social e coñecer de primeira man o programa Escola de vida, impulsado pola concelleira do BNG Isabel Fernández. É un programa que fai unha aproximación integral ao problema do fracaso escolar co obxectivo de que ningún alumno ou alumna poña en perigo a súa formación debido a esta cuestión, aportándolle as ferramentas materiais e emocionais que lle poidan axudar a superar ese fracaso. No Día internacional contra o acoso escolar, Pontón indicou que "é  necesario que haxa máis medios e máis recursos para loitar contra este tema".  Tamén quixo pór o foco na necesidade e importancia de impulsar este tipo de iniciativas por parte dos Concellos. 

Posteriormente, a portavoz nacional desprazouse até Arteixo, onde se reuniu con representantes do pequeno comercio. Alí afirmou que un dos "sinais de identidade" do BNG nos Concellos onde goberna é a "aposta clara e decidida polo comercio local e de proximidade", unha actividade que "non só achega riqueza e emprego, tamén revitaliza os barrios de vilas e cidades e favorece o seu dinamismo económico e social".

Viana do Bolo

Para pór o ramo á xornada de onte, Ana Pontón estivo en Viana do Bolo para arroupar a candidatura nacionalista ao 28-M, liderada por Secundino Fernández.

A líder do Bloque lembrou que "Secundino xa demostrou como alcalde que é capaz de darlle a Viana do Bolo calidade de vida, servizos públicos, actividade económica, social e cultural, cun concello transparente, onde todos os veciños e veciñas sexan tratadas por igual, un concello de portas abertas, sen caciquismos e profundamente democrático".

Comentarios