Potenciar o rural, chave de futuro

Veciñanza do Deza e de Terra de Montes exixe unha regulación axeitada dos eólicos. 
Semana Verde de Silleda.
photo_camera Semana Verde de Silleda.

A s comarcas do Deza e Terra de Montes reclaman o seu papel como “despensa do país”. O sector agrogandeiro desta zona é o segundo en importancia dentro da Galiza, agora as produtoras e os produtores do sector e a veciñanza destes concellos demandan ocupar dunha vez por todas o lugar que lles corresponde aos seus produtos, con selos de calidade e un pulo á súa comercialización e desenvolvemento.

Esta zona conta ademais cun extenso territorio que demanda da Xunta da Galiza que proceda á súa ordenación a través das concentracións parcelarias, o Banco de Terras e outras fórmulas que permitan producir a quen ten no medio rural o seu modo de subsistencia, ordenar o monte ás persoas preocupadas polo aproveitamento forestal, e rematar co minifundismo caótico á veciñanza que quere deixar en herdanza “propiedades e non jicholos”. 

Corporacións locais en Caldas, Deza e Terra de Montes. (Foto: Nós Diario)
Corporacións locais en Caldas, Deza e Terra de Montes. (Foto: Nós Diario)

Os concellos do Deza e Terra de Montes apostan polo medio rural como espazo de presente e futuro, e reclaman para os seus territorios as novas tecnoloxías que fagan competitivas as empresas, o comercio e o seu persoal, e tamén unha política da Xunta da Galiza que potencie o sector agrogandeiro e a industria de primeira e segunda transformación do sector. Ademais, e conscientes de que viven nun espazo natural privilexiado, os concellos desta zona queren ser tamén atractivos turísticos e desenvolver as súas capacidades neste eido.
Critican unha mancomunidade que consideran “na UCI” e agardan dos resultados das vindeiras eleccións do 28 de maio un revulsivo que poña a andar as potencialidades das localidades da zona e teña unha visión de futuro a medio e longo prazo para que os municipios destas dúas comarcas e a contorna poidan medrar de acordo coas súas capacidades. Para iso os concellos tentan atender as demandas veciñais de servizos para o rural, dotar de saneamento e abastecemento todas as parroquias e demandar da Xunta que faga realidade a famosa campaña “Ruralízate”, que segundo o rural desta zona do país “quedou nun anuncio”.

Neste contexto en concellos destas comarcas proliferan candidaturas novas que levan o rural e as súas demandas como bandeira para pedir o voto. Xuntos por Agolada, Agrupación Rural, Nova Alternativa, Unidade por Rodeiro... son opcións que nestes comicios din representar as demandas dun rural que se sente abandonado polos centros de poder.

Proxectos eólicos 

As amplas extensións de terra na zona fan ademais o caldo de cultivo propio para que nos últimos meses saltaran á palestra numerosos proxectos de novos parques eólicos que teñen a veciñanza á expectativa dos resultados da tramitación. Son moitos os concellos que expresaron o seu rexeitamento a estes proxectos. “Eólicos si, pero non así” é unha das consignas máis repetidas desde hai case un ano. A veciñanza e os concellos exixen máis concreción ás empresas, non só onde se van situar os muíños senón tamén as liñas de evacuación que en moitos casos comprometen espazos protexidos e habitados destes municipios.

Recortes sanitarios en Caldas

A comarca de Caldas vive inmersa nos últimos anos en varias frontes ao respecto da súa situación e servizos. A sanidade pública está a ser un dos asuntos con máis contestación social. Levan tempo soportando recortes de profesionais médicos e un incremento das listas de agarda, que chegan até os 15 días de espera para unha consulta médica. Esta problemática afecta concellos da comarca como Moraña, que ten que derivar pacientes ao PAC de Caldas, que xa ten colgado en moitas ocasións o cartel de “falta de facultativos”, polo que remite doentes da comarca ao PAC pontevedrés da Parda.

E isto ocorre coa sanidade pública nunha comarca que está vendo medrar día a día a súa afluencia turística. O Camiño Portugués converteu Caldas de Reis en parada de peregrinas e peregrinos, o que supón maior ocupación hoteleira e hostaleira, ingresos para a economía local pero tamén máis tensión a uns xa precarios servizos públicos. A ocupación hoteleira na comarca medrou máis de 23% no último ano.

Peaxes

O alto custo das vías de comunicación coa capital galega é un foco de protesta

Estas comarcas pagan un prezo moi elevado as vías de comunicación coa capital galega. Os distintos concellos reclaman rebaixas nas portaxes que impiden aos seus produtos ser competitivos co resto da Galiza e á súa veciñanza competir laboralmente en igualdade de condicións. 

Os concellos destas tres comarcas tamén reivindican o seu valor turístico. Casos como o de Caldas, co turismo termal no seu ADN, e outros como os de Silleda, Lalín ou A Estrada saben que teñen xa cifras considerábeis de turistas e queren xestionar este recurso para convertelo nun motor económico de cara ao futuro. A industria e o emprego desta zona está a notar nos últimos anos un decaemento que fai ver no sector turístico unha alternativa económica que emprega un sector servizos que xa é moi potente, un comercio local ansioso de despegar e todo un abano de espazos naturais e patrimoniais que agardan ser descubertos por viaxeiros e viaxeiras de todo o mundo.

Maioría de concellos do Partido Popular

Poboación en cada concello de Caldas, Deza e Terra de Montes. (Foto: Nós Diario)
Poboación en cada concello de Caldas, Deza e Terra de Montes. (Foto: Nós Diario)

Os Gobernos saíntes das eleccións de 2019 deixaron 9 Alcaldías do PP, 5 do PSdeG e 2 de listas independentes (Vila de Cruces con Xuntos e Agolada co Partido Anticorrupción e Xustiza). Para o 28-M, Silleda, A Estrada e Lalín son os que menos listas electorais teñen, mentres nos pequenos concellos agroman candidaturas de independentes escindidos dos grandes partidos. Son casos como os de Vila de Cruces e Agolada, concellos de menos de 6.000 habitantes nos que poderá decidir entre cinco candidaturas.

Rexedores centran os retos do territorio nas infraestruturas

Os alcaldes Manuel Cuíña (Silleda), José López (A Estrada) e Juan Manuel Rei (Caldas de Reis). (Foto: Nós Diario)
Os alcaldes Manuel Cuíña (Silleda), José López (A Estrada) e Juan Manuel Rei (Caldas de Reis). (Foto: Nós Diario)

Os alcaldes de Silleda (Deza), A Estrada (Terra de Montes) e Caldas de Reis (comarca de Caldas) teñen en común unha longa experiencia no bastón de mando dos seus respectivos concellos: acumulan ás súas costas tres ou máis mandatos, e todos eles tamén son os candidatos a revalidar a Alcaldía nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio. Coa experiencia acumulada por Manuel Cuíña (Silleda), José López (A Estrada) e Juan Manuel Rei (Caldas de Reis), os balances de xestión pasan necesariamente polos investimentos conseguidos doutras Administracións, Xunta da Galiza e Deputación de Pontevedra, co obxectivo posto en mellorar as infraestruturas e as comunicacións da veciñanza. 

Manuel Cuíña (PSdeG), alcalde de Silleda, asegura en conversa con Nós Diario, que a mancomunidade do Deza “está na UCI, e agarda as eleccións do 28-M como auga de maio”. Cuíña acaba de culminar a tramitación do novo PXOM en Trasdeza, que considera a “pedra angular” dos vindeiros catro anos de mandato logo das municipais. A nivel comarcal, o alcalde de Silleda quere unha mancomunidade que “desenvolva dunha vez por todas o turismo de interior”. Cuíña aposta pola unión dos concellos da zona para “ofrecer unha oferta conxunta” e sinala que a mancomunidade non está a servir para ese fin. “Está desaparecida, só serve para facer 15 días de bacheos ao ano”.
No caso da Estrada, o seu alcalde, José López Campos (PP), leva 12 anos gobernando e aspira a lograr o vindeiro 28 de maio a súa cuarta maioría. No seu haber está conseguir a conexión por autovía con Santiago, acurtando a viaxe en 10 minutos. As vías de comunicación coa capital galega son nesta comarca un importante foco de loita municipal por mellorar infraestruturas e abaratar os custos dos desprazamentos a Santiago, por onde teñen que pasar os trámites e a sanidade dos habitantes da zona, entre outras cuestións.

Deza e Terra de Montes é a segunda zona do país en produción agrogandeira

No Deza-Tabeirós a actividade agrogandeira e o peso deste sector nas economías municipais ocupa tamén parte fundamental das políticas dos concellos. As bonificacións ao IBI das explotacións agrarias e a aposta polo sector primario é prioridade nos Gobernos locais. Xunto á actividade no rural, destacan ademais os alcaldes a importancia da xestión do monte, apostando no caso de Silleda por “loitar pola concentración de montes, que non precisa moito investimento, e cunha política clara de cortas e plantacións”.

En Caldas de Reis miran máis cara ao Salnés que cara ao interior. O seu alcalde, o socialista Juan Manuel Rei, vén de pór en marcha xunto cos rexedores de Vilagarcía e Portas a Vía Verde do Salnés, unha senda peonil e cicloturística de 9 km que agora piden a Deputación e Xunta ampliar até Redondela e Vigo. A mellora da sanidade pública e os servizos sociais, ademais da educación radicada no rural son algunhas das apostas de Rei que asegura buscan mellorar os servizos básicos e facer de Caldas de Reis un espazo de benestar.
 

Comentarios