Polémica na Pobra do Brollón cos resultados electorais: o BNG denuncia que "unha cadea de erros" lle arrebatou a sexta acta

As actas de escrutinio das mesas, afirma a formación que actualmente goberna e que malia todo manterá a maioría absoluta, recollen que o Bloque logrou seis edís, por dous do PP e un do PSOE. Porén, "unha cadea de erros administrativos" provocou que "se intercambiasen" os resultados de nacionalistas e socialistas nunha das mesas.
O alcalde da Pobra do Brollón e candidato á reelección polo BNG, Xosé Lois Maceda, xunto á número 6 da candidatura, Noelia Besteiro, e a responsábel comarcal da formación, Rosana Prieto Florines. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O alcalde da Pobra do Brollón e candidato á reelección polo BNG, Xosé Lois Maceda, xunto á número 6 da candidatura, Noelia Besteiro, e a responsábel comarcal da formación, Rosana Prieto Florines. (Foto: Nós Diario)

O BNG reeditaría na Pobra do Brollón (Terra de Lemos) o resultado de 2019: maioría absoluta con 6 edís, mentres o PP ficaría con dous e o PSOE, con un. Iso é o que defenden os nacionalistas fronte ao resultado oficial presentado pola Xunta Electoral, que mantén as súas opcións de gobernar de novo en solitario mais cunha acta menos, que iría parar aos socialistas. Unha "cadea de erros" levou a esta situación, segundo denuncian esta sexta feira en rolda de prensa o actual alcalde e candidato á reelección, Xosé Lois Maceda; a concelleira damnificada —número 6 da lista—, Noelia Besteiro, e a responsábel comarcal da formación, Rosana Prieto Florines.

O erro viría dado, explican, "por unha discrepancia entre as actas de escrutinio das mesas electorais e os resultados enviados a través da PDA á Xunta Electoral de Zona de Monforte de Lemos". Así, as propias actas da xornada electoral, asinadas por todos os compoñentes das mesas e revisados os seus resultados polos interventores dos tres partidos participantes, recollen 691 votos para o Bloque, 281 para o PP e 139 para o PSOE; é dicir, seis edís nacionalistas, dous populares e un socialista.

"Existe un erro administrativo polo que se intercambian os resultados de BNG e PSOE nunha das mesas electorais, e a partir deste erro o PSOE sube a dous concelleiros e o Bloque baixa a cinco", apuntan os nacionalistas brolloneses. "A situación é totalmente anómala e todas as forzas entendemos que a vontade popular é a que figura nas actas; eses son os datos de votos reais", salienta o rexedor.

Desde a formación consideran que o electorado do municipio, "de xeito inxusto", non poderá ver formado este sábado, na sesión constitutiva, "o goberno que votou", traducíndose nun "aumento de votos" para o BNG de 4%. "Isto non se reflicte na actual configuración da corporación. Tivemos uns resultados fabulosos cunha subida en votos e estivemos moito máis perto de subir a sete concelleiros que de baixar a cinco", engade o responsábel local, Javier Monterde.

Para a número 6 da lista, Noelia Besteiro, que non poderá recoller a acta, esta é "unha situación moi desagradábel na que se está a vulnerar o dereito das veciñas e veciños que me votaron a ter a representación que elixiron democraticamente".

Xosé Lois Maceda, pola súa parte, cre que o acontecido pon de manifesto "unha eiva nos mecanismos de control sobre os posíbeis erros que se poden dar nos procesos de escrutinio e transmisión de datos", pois o erro, subliña, "sempre pode estar aí e hai que garantir que existan os filtros axeitados para que eses erros poidan ser corrixidos".

Desde o BNG da Pobra avanzan que defenderán "nas máis altas instancias" a "vontade popular recollida nas urnas", polo que xa presentaron un recurso contencioso electoral diante do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. "E chegaremos ao Tribunal Constitucional ou a Europa se é preciso", engade o alcalde.

Comentarios