BNG denuncia que a eólica mariña pon en risco máis de 150.000 empregos na Galiza

O debate sobre a eólica mariña chega ao Concello da Coruña. Os nacionalistas solicitan o rexeitamento da proposta de POEM.

 

O Goberno do Estado español  aprobou os POEM, delimitando aquelas zonas que poden ser ocupadas polos parques de eólica mariña (Foto: Federico Rostagno).
photo_camera O Goberno do Estado español aprobou os POEM, delimitando aquelas zonas que poden ser ocupadas polos parques de eólica mariña (Foto: Federico Rostagno).

O Plan de Ordenación dos Espazos Marítimos (POEM) aprobado polo Goberno do Estado autoriza instalar parques eólicos mariños en 2.700 quilómetros cadrados das augas galegas.

As zonas autorizadas polo Executivo para o desenvolvemento da eólica mariña coinciden con algúns dos máis importantes caladoiros pesqueiros do país, até o punto de afectar a 184 deles.

O BNG vén de solicitar ao pleno do Concello da Coruña o rexeitamento a esta proposta. A medida vai na liña das demandas do sector pesqueiro galego, que ten solicitado a retirada deste proxecto.

A iniciativa formulada polo voceiro do BNG da Coruña, Francisco Jorquera, defende “declarar a costa galega como zona excluída da eólica mariña”. Neste sentido, explica que “o obxecto é garantir o futuro do sector pesqueiro e de miles de familias que viven do mar”.

Jorquera entende que a eólica mariña compromete a continuidade da actividade pesqueira. Neste dirección, explica que “ou defendemos a pesca, un sector vital para a economía galega ou entregamos o noso mar ás grandes eléctricas”.

Emprego

O complexo pesqueiro ocupa na Galiza 31.000 persoas de xeito directo e máis de 120.000 de xeito indirecto. Ao tempo, representa arredor de 2% do PIB galego, sendo chave na economía de todo o país.

O voceiro e candidato do BNG á Alcaldía da Coruña sinala que no caso de ir adiante a eólica mariña “suporá a perda de miles de postos de traballo nun sector clave da nosa economía, no que sería o maior ataque histórico á pesca e aos ecosistemas mariños”.

Jorquera lembra que a incompatibilidade entre a pesca e a eólica mariña vén determinada polas condicións da plataforma continental galega. Nesta liña, apunta que "as súas dimensións son moi pequenas, se as comparamos coas dos países europeos en que funcionan estas instalacións”.

Comentarios