O Estado subvenciona as eléctricas con 7.000 millóns de euros por xerar enerxía renovábel

O proceso de desenvolvemento das enerxías renovábeis no Estado estivo impulsado polos subsidios públicos. Neste sentido, toda a produción eléctrica de orixe renovábel instalada con anterioridade a 2018 recibe primas do Goberno do Estado, recadadas a través da factura eléctrica.

Parque eólico en Dumbría, na comarca de Fisterra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Parque eólico en Dumbría, na comarca de Fisterra (Foto: Nós Diario).

O Estado entregou en 2021 ás empresas enerxéticas pola súa xeración de orixe renovábel 7.000 millóns de euros. Neste sentido, a tecnoloxía máis subvencionada é a solar situándose a continuación e eólica. Neste réxime, atópanse todas as centrais de produción eléctrica anteriores a 2018

O membro do colectivo Bidán, Fernando Branco, afirma a Nós Diario, que “nun momento o Goberno estableceu unha liña de axudas para impulsar a xeración de enerxía de orixe solar e eólica. Este diñeiro dirixido a favorecer a implantación de enerxías verdes na contra de proceder dos orzamentos como incentivos industrias, que realmente é o que son, son pagados por todos os consumidores na factura da luz. E aquí estamos falando de 7.000 millóns de euros anuais”.

Axudas de 30 anos

100% das plantas de enerxía solar e das instalacións eólicas erguidas até 2014 recibirán axudas públicas durante 30 anos. Neste caso, unha parte delas operan en base a unha tarifa regulada, polo que reciben no caso das eólicas 8 euros quilowatt hora nos primeiros 20 anos e 6,7 euros quilowatt hora nos 10 anos seguintes. Porén, 72% das centrais eólicas operan por un modelo de retribución  baseado no valor de mercado da electricidade máis unha prima de dous euros quilowatt hora durante 30 anos.

A reforma normativa impulsada por Mariano Raxoi en 2014 estabeleceu un novo modelo de primas vixente até 2018. Precisamente, a potencia eólica outorgada a partir dese exercicio está exenta de subvencións públicas. Neste sentido, o Goberno do Estado significou que desde 1998 até 2021 as compañías enerxéticas recibiron 100.000 millóns de euros de subvencións públicos en concepto de axudas para a xeración de electricidade de orixe renovábel.

As primas ás enerxéticas son financiadas polos usuarios a través da factura da luz. Neste sentido, Fernando Branco indica que “a factura eléctrica no Estado español é un caixón de xastre que inclúe aspectos que non son propios” e lembra que “o recibe da luz só debería conter custes propios, isto é os derivados da xeración, transporte, distribución e comercialización, pero nunca custes alleos como acontece agora”.

O déficit tarifario

Branco pon o foco “no sobrecusto peninsular, nas primas ás eléctricas polas renovábeis e no déficit tarifario”. “A electricidade en sistemas pequenos, como Illes Balears, Canarias, Ceuta e Melilla, é máis cara polo que o sobrecusto neses territorios vai nunha parte incluída na factura de todos os consumidores. Concretamente, 700 millóns de euros son sufragados vía orzamentos do Estado e a outra metade mediante vía usuarios do conxunto estatal”, apunta Branco.

Os consumidores están achegando a través do recibo da luz 2.500 millóns de euros anuais ás compañías eléctricas polo denominado déficit tarifario. A súa orixe está nunha decisión política do Goberno de José María Aznar, quen decidiu trasladar a futuro parte dos gastos de produción daquel momento, co obxectivo de non asumir o custo político dun incremento no prezo da luz.

Branco entende que “urxe limpar a factura da luz de cargos que lle son impropios. Esta cuestión que se leva defendendo desde hai anos por parte do sindicalismo nacionalista é esencial para achegar o prezo da electricidade da Galiza ao dos nosos veciños europeos. Ademais sufragar estes cargos mediante o orzamento e non polo recibo da luz é socialmente máis xusto”.

Comentarios