O BNG pide a dimisión de Diego Calvo pola situación na CRTVG

O vicepresidente segundo acusa o nacionalismo de "trumpismo"
A asemblea de traballadores e traballadoras da CRTVG decorreu no exterior das instalacións. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A asemblea de traballadores e traballadoras da CRTVG (Foto: Nós Diario)

A situación dos medios públicos galegos, con recentes xornadas de folga e de protestas e ao redor de 250 'Venres Negros', foi motivo de debate na sesión plenaria de onte no Parlamento galego, na que o vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, acusou o BNG de seguir o "manual trumpista" en contra da CRTVG mentres que os nacionalistas pediron a súa "dimisión".

A deputada do BNG María González Albert afeou o "clima" que se vive na CRTVG, con sentenzas como a que ditaminou "vulneración" dos dereitos laborais dun traballador, e sacou a colación un comunicado do Colexio de Xornalistas no que se mostra a preocupación polo funcionamento dos medios públicos. “A CRTVG converteuse en noticia pola nefasta xestión do seu persoal e dos seus recursos”, denunciou.

“Vostedes pretenden tapar unha realidade. Onde ten a súa meta a dirección xeral da CRTVG? Onde van parar?”, criticou a deputada do BNG, que aludiu varios casos como o cambio dunha profesional á radio “dunha quinta feira para unha sexta” após 30 anos de traxectoria na televisión; a deslocalización doutra profesional “que agora só traballa nunha peza de cinco minutos ao día” e, ademais, “profesionais que trasladan para a páxina web con cambios sen negociacións”, denunciou.

"Ofensiva feroz"

Na súa resposta, Diego Calvo acusou o BNG de querer converter a prensa en "chibo expiatorio" e de emprender unha "ofensiva feroz, hostil e sen credibilidade" contra a CRTVG co obxectivo de "eliminala". Ademais, acusounos de só estar "verdadeiramente preocupados" porque nos faladoiros "falen ben" da súa líder.

Diego Calvo, como xa fixo en comparecencias anteriores en varias ocasións o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez-Izquierdo —que ten o mandato caducado—, esgrimiu as audiencias e resultados da compañía, así como a valoración positiva da audiencia, incluídos os telexornais.

Comentarios