A Xunta responde á folga na CRTVG aludindo ás audiencias

O BNG exixe "cumprir a lei" e cambiar a dirección do ente público.
Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)
photo_camera Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)

A deputada do BNG , María Albert, reclamou onte na Cámara a través dunha pregunta  parlamentaria o "cumprimento da lei" de medios e  iniciar os trámites para "substituír" a actual Dirección Xeral da CRTVG.

Para Albert, a permanencia da actual Dirección revela "unha anomalía"consentida polo Goberno galego coa fin de que o   director da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, "nomeado a dedo desde o ano 2009 por Núñez Feixoo" continúe a usar "os medios públicos ao servizo do Partido Popular na Xunta".

Na súa intervención, a deputada nacionalista reiterou algunhas das denuncias formuladas polos  traballadores e traballadoras que secundaron a folga de 6 de marzo para denunciar "manipulación informativa, persecución e represalias ao persoal e ataques ao seus dereitos". En opinión da deputada, o proceder da dirección da CRTVG responde a "unha cruzada" contra a pluralidade informativa e un "uso partidista dos medios públicos".

O vicepresidente segundo da Xunta, Diego Calvo, negou as acusacións do BNG e acusou a formación nacionalista de "levar no ADN" querer "controlar "os medios de comunicación". "Temos unha audiencia espectacular na CRTVG, que é querida pola xente", manifestou.

 

A folga do cadro de persoal da CRTVG provocou a reacción por parte da corporación da radio e televisión públicas galegas á cal, o Comité Intercentros acusou onte de “obstruír as asembleas de traballadores”. Nunha carta, o director do departamento de Recursos Humanos indicou que “o lugar de reunión das próximas asembleas non poderá ser dentro das instalacións da empresa en San Marcos [Compostela]”.

O presidente do Comité Intercentros, Tiago Alvite asegurou que “a empresa, na súa lóxica represiva, obstrúe a realización de asembleas”.

Comentarios