O BNG pedirá no Parlamento que a Xunta deixe de apoiar o Foro da Toxa

Por vulnerar “abertamente” a Lei de Normalización Lingüístia e por “pretender branquear o capitalismo depredador”. Son as razóns que levan o BNG a pedir no Parlamento da Galiza que o Goberno galego deixe de apoiar o denominado “Foro La Toja”.

Foto 'La Toja' Europa Press
photo_camera O II Foro da Toxa, en 2020 (Imaxe: Europa Press)

A deputada do BNG Montse Prado avanzou na mañá da sexta feira que pedirá no Parlamento galego que a Xunta deixe de apoiar o denominado “Foro La Toja”, unha “copia casposa de conclave de excelencia do neoliberalismo máis salvaxe e machista, que practica un total desprezo pola nosa lingua e toponimia".

Prado criticou a deturpación que promove o foro, ao advertir de que “desde a súa propia denominación representa un exercicio de ostentación e desprezo pola toponimia galega e unha agresión lingüística que non se pode consentir”.

Tamén cargou contra o “claro intento de amparar e branquear o poder económico máis agresivo contra o pobo como son a banca ou as eléctricas".

“Con todo o que está acontecendo na Galiza, é unha provocación o papel relevante que lle dan neste encontro aos presidentes de Abanca, Juan Carlos Escotet, e Ibedrola, Ignacio Sánchez Galán, máximos expoñentes da estafa bancaria, o fechamento de oficinas e a perda de emprego, por un lado, e do espolio enerxético, por outro", sinalou Prado.

Nun comunicado de prensa, a deputada do BNG empraza o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a “deixar de abrazar o gran capital e reclamar nese foro a fin da estafa bancaria e do espolio enerxético aos que nos están sometendo aos galegos e as galegas e rematar co deterioro dos servizos públicos”.

A deputada nacionalista recalcou que exixirá ao Executivo de Feixoo no Parlamento que cumpra coa súa obriga e actúe "para que se respecte o noso idioma e os nosos topónimos, esixindo o uso do topónimo correcto, que é A Toxa".

Prado tamén puxo o foco no “escaso papel de mulleres” entre as persoas relatoras.

Por outra banda, ademais da iniciativa parlamentaria, Prado adiantou que o Bloque tamén impulsará a iniciativa social con mobilizacións, "conxuntamente con outras organizacións", ao longo das xornadas nas que se celebra o foro e para as que fixo un chamamento á participación.

"O BNG non vai quedar calado diante da celebración dun foro que vulnera a Lei de Normalización Lingüística e pretende branquear ao capital depredador", concluíu.

As palabras de Prado chegan ao pouco de coñecerse que a Subdelegación do Goberno español en Pontevedra impediu a convocatoria dunha manifestación da CIG contra o foro, na xornada de clausura.

Comentarios