23-X

Ana Pontón: "O BNG é imparábel e imos darlle a Galiza un grupo galego forte en Madrid"

A portavoz nacional do BNG chama a non votar polo mal menor ou por medo, senón desde a esperanza e a ilusión para "facernos valer ante o Estado da man do BNG".
Daniel Castro, Carme da Silva, Ana Pontón, Néstor rego, Noa Presas e Goretti Sanmartín. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Daniel Castro, Carme da Silva, Ana Pontón, Néstor Rego, Noa Presas e Goretti Sanmartín. (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou a súa intervención na convención nacional do BNG, decorrida en Santiago este sábado, para proclamar o obxectivo do seu partido este 23-X: "Darlle a Galiza un grupo galego forte en Madrid para facer valer os intereses do país ante o Goberno do Estado".

Así, deixou claro que fronte aos predicadores do "non", o BNG do "si" volverá demostrar que nada é imposíbel cando te empurra "a forza do amor a Galiza".

"Volveredes escoitar aos de sempre dicir que non, que a Galiza non pode ter un grupo forte en Madrid e unha vez máis volveremos demostrarlles que si, que o BNG é imparábel e que este é o momento da Galiza!", subliñou Ana Pontón ante máis dun millar de militantes.

A líder nacionalista apelou á rebeldía de Rosalía, Rosa Parks ou as sufraxistas e á épica dos grandes logros dun BNG capaz de converter en posíbel calquera reto.

"Cando nos dicían que non íamos ser a alternativa ao PP, demostramos que si, e hoxe o BNG está máis cerca que nunca de chegar á Presidencia; cando nos dicía que non íamos ser a forza que máis subiría nas municipais, demostramos que si e cando nos dicían que non íamos facer historia en Santiago, demostramos que si, e aí temos a alcaldesa Goretti Sanmartín na capital do país”, argumentou.

"Terapia bipartidista"

Pontón defendeu unha presenza galega en Madrid "forte" a partir do 23-X "para facerse respectar" ante a discriminación das forzas estatais, "por moito que Sánchez e Feixoo queiran reducir a campaña a unha xira televisiva para facer terapia bipartidista".

"Non é momento de votar polo mal menor, nin por medo; ao contrario, pídolle a todos os galegos e galegas que o 23-X voten con ilusión e con esperanza por un grupo galego forte. Votemos coa cabeza e co corazón en Galiza", recalcou.

Non serán as forzas estatais, que din unha cousa aquí e a contraria no Congreso, as que que defendan un tren do século XXI, a tarifa eléctrica galega, investimentos xustos ou máis xulgados de violencia de xénero. "Un só deputado do BNG, Néstor Rego, foi máis útil que os 22 restantes logrando unha rebaixa histórica nas peaxes da AP-9".

Argumentos machistas de Rueda

A voceira nacionalista referiuse tamén aos argumentos "machistas" expostos por Rueda para non debater con ela.

"O ideario ultra machista, racista e antigalego que o moderado Feixoo branquea sen pudor,  impregna cada vez máis o argumentario do PP, dixo.

"Non nos sorprende este PP porque é o mesmo que deixa unha Galiza máis pequena e para darlle a volta tamén é importante un grupo galego forte", insistiu, como teñen vascos e cataláns, non para conseguir privilexios, subliñou Pontón, senón para conseguir un trato "xusto e digno" para os galegos e as galegas.

Novos avances

Na convención nacional decorrida en Santiago tamén interviñeron as persoas que lideran as candidaturas á Cámara baixa. Néstor Rego, cabeza de lista pola Coruña, indicou que "non houbo cuestión importante para o país que non fora trasladada ao Congreso".

Destacou o papel do Bloque "para que se produciran, aínda que fosen tímidos, avances en dereitos sociais e en políticas máis xustas, marcando con coherencia un horizonte máis alá; confrontando coa dereita ultra e a ultradereita empeñadas en recortar dereitos e facernos retroceder no tempo".

Lugo, claro que si!

Daniel Castro, cabeza de cartel por Lugo, tirou de humor para deixar claro que este 23-X Lugo vai pasar da pregunta do "e si conseguimos deputado por Lugo ao, Lugo claro que si!", sumando tamén Lugo ao grupo galego forte.

Para conseguilo apelou á  xente moza: "Temos que ser ese punto extra ese acelerón que encha as urnas de votos BNG", subliñou, instando a mobilizarse.

Ourense  vai estar

A cabeza de lista por Ourense, Noa Presas, destacou que o momento actual é "unha loita pola vida" e toca levala a cabo tamén nas urnas.

"Temos que dicirlle a todas as persoas que loitan connosco nas rúas que a alternativa para defender a Galiza, os dereitos sociais e as liberdades sexuais ante a dereita reaccionaria é o BNG, que estará diante contra toda inxustiza e reclamando o que nos pertence".

Presas subliñou a capacidade do Bloque "para facer do imposíbel o posíbel", augurando un grupo galego forte "no que Ourense  tamén vai estar".

Confianza en nós

Carme da Silva, que lidera a candidatura por Pontevedra, puxo o acento "na necesidade de ter fe no noso pobo, confianza nas nosas posibilidades e dignidade nacional", e chamou a derrotar "o centralismo abafante con máis BNG en Madrid"  para defender "a recuperación das rías e o litoral, o medio natural e o patrimonio, para unha transición enerxética xusta e, en definitiva, para que Galiza se faga valer".

Comentarios