23-X

O BNG asina o ‘Manifesto de Xove’ co compromiso de impulsar o desenvolvemento social e económico da comarca da Mariña

Néstor Rego: “Cun BNG con máis forza en Madrid, A Mariña terá voz no Congreso con Daniel Castro”.

Concelleiras, concelleiros, alcalde, alcaldesa, tenentes de Alcaldías, e integrantes das candidaturas do BNG ao Congreso e ao Senado da comarca da Mariña esta cuarta feira. (Foto Nós Diario)
photo_camera Concelleiras, concelleiros, alcalde, alcaldesa, tenentes de Alcaldías, e integrantes das candidaturas do BNG ao Congreso e ao Senado da comarca da Mariña esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) asinou esta cuarta feira, 21 de xuño, o ‘Manifesto de Xove’ en “defensa da comarca da Mariña”, nun acto que contou coa presenza do deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, e o cabeza de lista polo BNG en Lugo, Daniel Castro.

A formación nacionalista rendeu contas sobre o traballo realizado durante esta última lexislatura na Cámara baixa, pondo en valor os compromisos arrancados ao executivo estatal (como a continuidade da actividade en Alcoa, as emendas da Lei de Pesca) e comprometeuse a “traballar na seguinte para que o Goberno do Estado asuma os investimentos”, sobre todo en materia de infraestruturas, “que a Galiza precisa”. Así mesmo, adiantou a “necesidade de que a Galiza conte cun Grupo Galego forte en Madrid, que conte con representación da comarca da Mariña para avanzar na Axenda Galega e na conquista de dereitos e liberdades”.

Néstor Rego fixo balance do traballo realizado e fixou novos compromisos nunha reunión mantida coas e cos novos concelleiros da fronte nacionalista na comarca da Mariña, actividade que tivo sempre como obxectivo “a defensa dos intereses da Galiza e das maiorías sociais”. “Non houbo problema nin solución que o BNG non tivesen levado ao Congreso durante esta lexislatura”, iniciou a súa intervención o deputado nacionalista. De feito, a respecto da crise de Alcoa, a formación conseguiu sacar adiante resolucións en favor da continuidade da actividade industrial, apoiando as demandas dos traballadores e traballadoras da factoría.

Así mesmo, o BNG fixou compromisos e obxectivos para a vindeira lexislatura, na que seguirán a traballar “para que se atendan as necesidades da Galiza e pola defensa dos intereses da Mariña”. Neste sentido, e ante o “total desinterese e pasividade demostrado por parte do Executivo estatal”, o BNG asinou esta cuarta feira o ‘Manifesto de Xove’ para “A Mariña do futuro”.

Trátase dun decálogo que asinan as concelleiras, concelleiros, alcalde, alcaldesa e tenentes de alcalde do BNG na Mariña, así como as persoas candidatas do BNG na Mariña para o Congreso e o Senado, a comezar polo cabeza de lista á Cámara baixa, Daniel Castro. “Comprometémonos a defender estas propostas alí onde teñamos presenza, sendo cuestións básicas para o desenvolvementos económico e social da Mariña”, avanzou Castro.

Impulso das infraestruturas da Mariña

Un dos dez aspectos que figuran neste ‘Manifesto de Xove’ son as infraestruturas da comarca. “A pesar de que o BNG rexistrou numerosas iniciativas, incluídas emendas para partidas para aumentar o investimento nos Orzamentos do Estado de 2021, 2022 e 2023, para rematar coa discriminación histórica que sofre a comarca da Mariña en materia de infraestruturas, os partidos do goberno non as apoiaron negándose a defender os intereses de Lugo e da Galiza”, denunciou o deputado do BNG no Congreso.

A promoción de infraestruturas, “elemento fundamental para o desenvolvemento social e económico de calquera territorio”, continúan a ser unha materia pendente para esta comarca que, a pesar de posuír enormes potencialidades, arrastra unha discriminación "histórica". “A A-74 careceu, durante os sucesivos proxectos de Orzamentos, de investimento e mesmo PSOE e Unidas Podemos rexeitaron as emendas do BNG para dotar de recursos suficientes a construción dos tramos San Cibrao-Burela, Foz-Burela, Foz-O Carme e O Carme-Barreiros”, exemplificou.

“Da mesma maneira”, engadiu o deputado do BNG, “rexistramos distintas iniciativas para mellorar a seguranza viaria da N-634 e a N-642. Con especial atención para esta última estrada citada, xa que tamén se rexistraron iniciativas para o seu arranxo, o máis áxil e rápido posíbel, após o desprendemento de parte da estrada á altura de Burela de camiño a Foz”.

“Queremos unha comarca conectada, con infraestruturas propias do século XXI. Por iso aspiramos a remodelar a liña de FEVE que permita frear o progresivo desmantelamento que está a sufrir”, reclamou o cabeza de lista dos nacionalistas por Lugo, Daniel Castro. Alén da modernización da liña e a dotación de persoal suficiente, Néstor Rego lembrou as iniciativas rexistradas para que o Goberno do Estado español estabeleza medidas compensatorias polo material rodante após coñecer as deficiencias atopadas na fase de estudo e deseño e o retraso que suporá a entrega do novo material.

Ademais, para avanzar no desenvolvemento socioeconómico da comarca, engadiu Rego, a formación nacionalista tamén destacou as iniciativas para a liberalización do dique norte de Morás e a creación da Autoridade Portuaria en San Cibrao. “Unha reivindicación do tecido socioeconómico da comarca que o BNG atendeu e presentou na Cámara baixa para xerar un maior dinamismo económico da Mariña sen que a súa creación provocase un gasto económico para a Administración”, subliñou Néstor Rego.

Comentarios