23-X

Pontón chama a “apoderar Galiza” ante o Estado español apostando pola candidatura do BNG

Noa Presas, candidata ao Congreso, cualificou este momento de “histórico” para que Ourense teña voz no Estado.

Presentación das candidaturas do BNG ao Congreso e ao Senado por Ourense. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Presentación das candidaturas do BNG ao Congreso e ao Senado por Ourense. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, asistiu esta cuarta feira, 21 de xuño, á presentación das candidaturas da formación para o Congreso e o Senado españois por Ourense.

“Este 23 de xullo está en xogo que Ourense e que a Galiza conten ante o Estado, está en xogo ter unha voz propia que defenda os intereses desta circunscrición, e está en xogo que se poña sobre a mesa o que precisa Ourense para ter un futuro mellor”, declarou a líder nacionalista.

Para conseguilo, Pontón pediulle á cidadanía “que apoderen Galiza ante o Estado” tendo en conta que “o BNG é a garantía para que a Galiza conte, de avanzar en dereitos e liberdades e de poñerlle freo á dereita conservadora que só nos faría retroceder”.

“Fronte a un PP e un PSOE que fan o que lles mandan Génova e Ferraz, o BNG vai poñer Galiza na axenda do Estado coa forza que nos dean os galegos e as galegas”, subliñou. Por iso, indicou a necesidade de “contar cun grupo galego forte no Congreso para poder ser determinantes e ter a capacidade de loitar polos nosos intereses”.

Como exemplo desta inacción, Ana Pontón puxo sobre a mesa as infraestruturas galegas, facendo alusión a que “mentres que a transferencia da AP-9 se aprobou no Parlamento galego por unanimidade, desde Madrid entre uns e outros deixaron que a proposta morrese por inanición”.

A portavoz nacional recalcou que “na última lexislatura, un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 23 restantes ao servizo das forzas estatais”, motivo polo que “o Bloque presenta para este 23-X unha candidatura de país, que non ten os seus centros de decisión en Madrid e que representa a Galiza”. Pontón manifestou que se trata “dunha candidatura formada por persoas con compromiso, con capacidade de traballo, con experiencia, con coñecemento e solvencia nos temas que son centrais para a defensa dos intereses galegos”.

Noa Presas, cabeza de lista ao Congreso por Ourense

En Ourense é Noa Presas quen encabeza a lista do BNG ao Congreso español, liderando unha candidatura “sólida, comprometida e capaz, con enerxía e cunha única lealdade: a da defensa dos intereses da cidadanía de Ourense”.

Noa Presas é ben coñecida polo seu traballo como deputada no Parlamento galego a favor de Ourense, onde é unha referencia indiscutíbel polo seu rigor, pola súa paixón e polo seu compromiso coa xente de Ourense”, indicou Pontón, que destacou as centos de iniciativas que Presas ten achegado a favor dos sectores produtivos, dos servizos públicos, de investimentos e de actuacións concretas en todos os eidos.

“Este é un momento histórico para facer que Ourense conte con representación no Congreso dos Deputados e teña voz en Madrid”, declarou a propia Presas.

Como número dous da candidatura sitúase Eugenio Quintas, concelleiro en Verín e médico no Hospital comarcal, que a líder do Bloque cualificou como “un defensor acérrimo da sanidade pública que, ao igual que o resto de compañeiros e compañeiras da lista ao Congreso e ao Senado, vai dar o mellor de si para darlle a Ourense o futuro que merece”.

A candidatura do BNG ao Congreso dos Deputados por Ourense complétana Alba Feixoo e Artai Gavilanes. Pola súa banda, a dos candidatos ao Senado está formada por Cristina Cid, Xurxo Rodríguez e Xosé Carballido.

 

Comentarios