Rueda rexeita un debate a tres como en 2008 porque ve a Pontón "necesitada dalgún tipo de proxección"

A líder nacionalista pedira un debate con Rueda e Formoso co obxectivo de "explicar á cidadanía cales son as alternativas para defender os intereses da Galiza no Congreso e no Senado".
Alfonso Rueda, após unha rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda, após a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da pasada quinta feira. (Foto: Arxina)

O presidente da Xunta e do Partido Popular na Galiza, Alfonso Rueda, afirmou esta segunda feira que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, está "moi necesitada dalgún tipo de proxección" e rexeitou debater con ela e mais co líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, no marco da campaña electoral de cara ao 23 de xullo, tal e como solicitara Pontón co obxectivo de "explicar á cidadanía cales son as alternativas para defender os intereses da Galiza no Congreso e no Senado".

Rueda atribúe a esa situación, de "necesidade de proxección", a proposta da dirixente nacionalista. Un debate, porén, que si se producira en 2008, cun debate previo a aqueles comicios do que participaran os daquela líderes de PP, PSOE e BNG. Mais desde entón, xustificou o presidente galego, "cambiaron moitas cousas". Tamén asegurou que o BNG pretende con isto "agochar" o cabeza de lista pola Coruña, Néstor Rego, que foi o único deputado nacionalista na lexislatura que agora remata.

A preguntas dos xornalistas nun acto en Bergondo (comarca da Coruña), Rueda ironizou coas "expectativas enormes" que marcou a líder do BNG cando se coñeceu a convocatoria de eleccións, o que tamén motiva, ao seu xuízo, a petición de debate. Así, subliñou que a líder do Bloque xa despois "rebaixou" estas expectativas "de grupo propio no Congreso a importante".

"O que ela pensaba que ía pasar e o que intúe que vai pasar", ilustrou, para enmarcar que "necesita ese golpe de efecto e protagonismo, porque o que fai é ocultar o seu candidato estrela, o señor Rego, que foi quen permitiu que [Pedro] Sánchez fose presidente do Goberno, e non conseguiu absolutamente nada". "Supoño que non queren que fale desa ineficacia evidente, do que prometeron", manifestou, e sostivo que "por iso prefire porse ela" á fronte, por "afán de protagonismo evidente e constante".

Preguntado por que cuestións cambiaron a respecto de 2008, cando si houbo debate a tres polas eleccións estatais, Rueda contestou que "cambiaron moitas cousas, entre elas, que agora hai unha portavoz do BNG moi necesitada dalgún tipo de proxección para tentar ocultar a ineficacia do BNG no Congreso e expectativas electorais que ela mesma inflou e que agora está a rebaixar". Así as cousas, Rueda concluíu que esta oferta de debate, lanzada este domingo, será "unha ferramenta, un intento de rebaixar as metas que ela mesma se puxo".

Reacción do PSdeG

Pola súa parte, tamén esta segunda feira e após deixar claro que o PSdeG "participou e participará" en todos os debates que se convoquen, o portavoz parlamentario dos socialistas galegos, Luís Álvarez, incidiu en que este existirá "se quere o PP que exista".

Dito isto, e a respecto dos participantes nesa cita, Álvarez lembrou que nin a líder do Bloque, Ana Pontón, nin o presidente do PP e da Xunta, Alfonso Rueda, nin o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, son candidatos nestas eleccións do 23 de xullo.

Ante iso, preguntouse, igual que Rueda, se "o que busca" a dirixente do Bloque é "ocultar algún candidato" da súa formación e, en particular, "se hai algún problema con que o señor Néstor Rego fose o que participase nese debate".

Comentarios