Ana Pontón: “Este 23-X o BNG é a garantía da defensa da Galiza e do avance en dereitos e liberdades”

A formación nacionalista presentou esta terza feira as persoas que encabezan as súas listas ao Congreso español: Néstor Rego, Carme da Silva, Daniel Castro e Noa Presas.

Noa Presas, Néstor Rego, Ana Pontón, Carme da Silva e Dani Castro, esta terza feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Noa Presas, Néstor Rego, Ana Pontón, Carme da Silva e Dani Castro, esta terza feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, asistiu esta terza feira á presentación dos e das cabezas de lista da formación para o Congreso español, candidatura que na circunscrición da Coruña lidera Néstor Rego, Carme da Silva na de Pontevedra, Daniel Castro por Lugo e Noa Presas en Ourense.

“O 23 de xullo está nas mans dos galegos e das galegas facer posíbel que a Galiza conte en Madrid, que defendamos con forza os nosos intereses e que condicionemos a política do Estado ao favor dos galegos e das galegas”, indicou a Pontón.

Nesta liña, o BNG considera que sociedade galega ten “unha axenda propia e con temas centrais para o desenvolvemento da Galiza”. Con respecto disto, Pontón manifestou que “os temas da axenda galega teñen que aparecer con forza no Congreso, teñen que ser defendidos e negociados desde un grupo parlamentario galego forte, coas mans libres para defender os intereses da nosa sociedade”.

A líder do Bloque incidiu en que “o 23 de xullo non imos aceptar o guión imposto desde Madrid para estas eleccións”, engadindo que “á sociedade galega ese guión non lle resolve ningún dos seus problemas porque non atende a ningunha das nosas necesidades”.

“O agravio do Estado español á Galiza só ten unha vía de solución: acabar co servilismo das forzas que teñen o seu centro de decisión en Madrid e facernos valer por nós mesmas”, declarou Pontón.

Fronte ás forzas centralistas, o BNG presenta para o 23-X “unha candidatura de país” ao servizo da Galiza. Segundo Pontón, o Bloque preséntase ás eleccións xerais “cun equipo sólido, comprometido e capaz, con saber facer, con enerxía e cunha única lealdade: a da defensa dos intereses dos galegos e das galegas”.

Néstor Rego, Carme da Silva, Daniel Castro e Noa Presas

Néstor Rego, o actual deputado do BNG en Madrid, encabeza de novo a candidatura do Bloque pola Coruña. “Néstor demostrou que un só deputado do BNG en Madrid foi capaz de dar voz e de pór enriba da mesa todas as problemáticas e cuestións de relevancia para a Galiza no Congreso”, indicou a portavoz nacional.

A aposta do BNG por Pontevedra é Carme da Silva, integrante da Executiva Nacional da formación, “parte central do Goberno municipal de Pontevedra”, e á que Pontón cualificou como “unha persoa que é garantía de traballo, de solidez e de capacidade política”.

Pola circunscrición de Lugo encabeza a lista Daniel Castro, actualmente deputado no Parlamento galego. “Castro é unha persoa moza e preparada, aválao o seu magnífico traballo no Parlamento nestes anos e ten un coñecemento amplo das necesidades, problemas e retos que enfronta o tecido económico e social”, indicou a líder do Bloque.

Finalmente, pola provincia de Ourense, a cabeza de lista será Noa Presas, que tamén forma parte do grupo do BNG no Parlamento galego. Pontón referiuse a ela como “unha persoa absolutamente seria e rigorosa no seu traballo parlamentario, comprometida, feminista, coñecedora de todo o que afecta a Ourense e absolutamente comprometida con defender o futuro que Ourense merece”.

O 23X: o momento de pór fin ao servilismo a Madrid

Pontón aproveitou a súa intervención para urxir “o remate co cinismo dos partidos estatais, que votan unha cousa no Parlamento galego e a contraria no Congreso dos Deputados”.

Cambiar o trato que o Estado lle dá a Galiza esixe facernos valer e pasa por ter un grupo galego forte en Madrid, que negocie en favor da sociedade galega”, indicou, apelando a que “os galegos e galegas saben que ninguén defende mellor os intereses dun territorio que unha forza propia dese territorio para facelo avanzar en dereitos e liberdades”.

Pontón subliñou que convoca á cidadanía galega a que o 23-X acuda ás urnas “coa cabeza e co corazón na Galiza, sumando todo o voto galego, de país, no BNG” para que, en consecuencia “poidamos frear en seco un posíbel goberno da dereita coa extrema dereita machista, e antigalega”.

Comentarios