O BNG fará emendas ao estado de alarma para garantir o control parlamentar

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanza que a súa formación ve necesario "acoutar mellor" a duración desta medida extraordinaria
Ana Pontón
photo_camera O BNG empraza Feixoo a "facer a súa parte" nas residencias e na sanidade.
Pontón amosouse contraria a que o novo estado de alarma se estabeleza, como pretende o Goberno español, ao longo de seis meses, cando na primeira onda da pandemia renovábase cada 15 días.

En rolda de prensa, Pontón demandou que "non se pretenda eludir o control parlamentario" e avisou de que é necesario tomar medidas por cada territorio, á vez que considerou que o estado de alarma é compatíbel co "control e a rigorosidade" dunha medida que "recorta dereitos e liberdades".

"Parece que se quere responsabilizar unicamente á cidadanía da evolución do virus", sinalou a líder da oposición, entendendo que a medida que supón "un plus de exixencia ás persoas na súa vida diaria".

Como sostivo, "é perfectamente compatíbel adoptar medidas extraordinarias nun contexto excepcional" co control parlamentario, "fundamental nun momento como este".

Aínda así, a portavoz nacionalista sinala que o BNG vai actuar "con responsabilidade" e estará "a favor de todas as medidas que sexan necesarias", debido a que "salvar vidas é o prioritario" ante o "récord" de contaxios. 

Preguntada pola proposta do PP para reformar a lei de saúde para actuar diante nos novos focos de coronavirus, Pontón emprazou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a traballar por "tomar medidas que están na súa man" no canto de "dicirlle ao Goberno do Estado como reformar" esta norma e preguntou "que está a facer" a Xunta "nun momento excepcional", apelando ao reforzo da Atención Primaria ou "facer os deberes" co traballo de rastrexo de contactos.

Na comparecencia, Pontón chamou tamén a "blindar" as residencias de maiores cunha intervención pública que garanta que "100%" pasan á tutela da Xunta até que a pandemia estea baixo control. 

Xunto a isto, o BNG apuntou á "grave situación económica" de autónomos e sectores como o cultural e demandou ao Goberno galego "medidas de alcance" extraordinarias no canto de "parches" que eviten a perda de "miles de postos de traballo".

 Máis unha vez, reclamou a convocatoria dun pleno extraordinario do Parlamento para analizar estas cuestións. 

Comentarios