O Goberno español decreta o estado de alarma, prorrogábel até 9 de maio

Haberá restricións á mobilidade, confinamentos entre as 23 horas e as seis da madrugada e limitaranse as reunións a un máximo de seis persoas.
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez
photo_camera O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou este domingo na roda posterior ao Consello de Ministras extraordinario, a aprobación do estado de alarma para todo Estado español, que entrará en vigor esta tarde. O seu obxectivo é que esta situación sexa prolongada polas Cortes Xerais durante seis meses, até 9 de maio.

O decerto aprobado hoxe estabelece un confinamento desde as 23 horas até as seis da madrugada, aínda que poderá ser modulado por cada territorio cunha marxe dunha hora (adiantándoo ás 22 horas ou ben retrasándoo até a medianoite). Tamén o poden modificar para que finalice ás cinco ou as sete da madrugada. O mesmo ocorre coas reunións, que como norma xeral non poderán superar as seis persoas. 

Os presidentes, o da Xunta no caso da Galiza, serán a autoridade delegada nos seus territorios e terán potestade para decretar confinamentos totais ou parciais. Así, Feixoo poderá limitar a entrada e saída dos seus territorio, é dicir, o peche perimetral do conxunto do país ou unha parte do seu territorio, aínda que haberá tamén excepcións como asistencia a centros sanitarios, acudir a centros educativos ou razóns laborais, entre outras.

Sánchez pide apoios

Sánchez recalcou que a duración deste estado de alarma "non é inamovíbel" e pode levantarse se se supera a situación, aínda que agregou que eses seis meses de duración é o prazo que aconsellan as persoas expertas para superar non só esta segunda onda, senón a etapa "máis dañiña" da  Covid-19. "Os expertos din que as razóns están plenamente xustificadas", remachou Sánchez para solicitar formalmente a todos os grupos parlamentarios do Congreso das Deputadas que dean o seu "apoio abafador" á prórroga do estado de alarma, dado que haberá rendición de contas continúa sobre a súa aplicación.

De feito, revelou que conversou de modo "cordial" co líder do PP, Pablo Casado, para poder contar co seu apoio para habilitar este mecanismo "eficaz para conter e manter a raia o virus", tanto no plano da actuación contra a enfermidade como desde o plano constitucional. "Entendo que é unha cuestión de Estado e os partidos que se consideran de Estado deberían apoiar esta medida tan extraordinaria", remachou para asegurar que tampouco alberga dúbidas de que no Consello Interterritorial aumentaranse ou relaxarán as medidas se así o require a situación.

Comentarios