O BNG esixe á Xunta máis medios na campaña de vacinación contra a lingua azul

Xosé Luís Ribas advirte dos prexuízos económicos para as explotacións e de problemas de benestar animal ocasionados pola planificación do Executivo galego

Xosé Luís Ribas 'Mini', deputado do BNG no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xosé Luís Ribas 'Mini', deputado do BNG no Parlamento galego. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG Xosé Luís Ribas ‘Mini’ presentou no Parlamento galego unha batería de iniciativas para reclamar á Xunta da Galiza cambios na campaña de vacinación contra o virus da lingua azul, así como máis medios e máis información aos gandeiros.

Para o nacionalista, a campaña actual está a causar prexuízos aos gandeiros, dado que "non se está realizando unha segunda vacinación en saba coa celeridade necesaria".

A campaña de vacinación gratuíta e obrigatoria para o gando bovino e ovino (animais maiores de tres meses) iniciouse en marzo nas comarcas das circunscricións de Ourense e Pontevedra, e nas comarcas de Sarria, Chantada e Terra de Lemos e Quiroga.

A vacinación en saba, explica Ribas, debería terminar en abril, antes de finalizar a estación libre de vectores (cando non se detecta presenza dos mosquitos culicoides). Con todo, "nalgúns concellos non terminou a día de hoxe", denuncia o deputado do BNG.

A vacinación de continuidade, así mesmo, "debería comezar o día 1 de xullo pasado", algo que non ocorreu, afirma Ribas, que engade que as reaccións adversas nos animais (abortos, partos prematuros, baixada produtiva ou mortes) son algúns dos problemas que se están detectando após a vacinación.

Pouca información e problemas para mover gando

A estes problemas súmase a "escasa ou inexistente" información facilitada aos gandeiros, que fai que "moitos non poidan solicitar as indemnizacións que lles corresponden por eses efectos adversos debido ao incumprimento dos prazos marcados pola propia Administración".

Xosé Luís Ribas destaca, por outra banda, os problemas que están a sufrir nas explotacións para mover o gando, dándose "casos de animais en condicións excelentes que non se poden enviar a sacrificio ao non estar vacinados". "Isto supón un enorme prexuízo para os gandeiros e as gandeiras, xa que non poden dispor dun ingreso co que contaban e suponlles aumentar os custos de produción ao obrigalos a manter eses animais nunha época estival na que non hai pasto dispoñíbel", engade.

Outro dos efectos que o BNG afea á planificación da Xunta é que os gandeiros "non poden vender as tenreiras enviadas a centros de recría situados en zona libre". Algúns cebadeiros teñen ademais a actividade paralizada por mor das restricións impostas, agrega.

Por todo iso, o BNG insta a Xunta a formar "un equipo de persoas con criterio científico que avalíe en profundidade a vacinación en saba fronte a enfermidades como a lingua azul" e a "dotar de medios humanos suficientes a campaña de continuidade para evitar que os prazos se prolonguen e minimizar as restricións de movementos".

O deputado do Bloque reclama tamén estabelecer vías e maior dotación económica para incrementar o número de veterinarios que colaboren na vacinación e máis información para os gandeiros.

Comentarios