Explotacións gandeiras volven denunciar problemas coa vacinación contra a lingua azul

Piden unha reunión "urxente" con Medio Rural para abordar a campaña e medidas de control e erradicación desta enfermidade

Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

OSindicato Labrego Galego (SLG) volveu denunciar ante a Consellaría do Medio Rural e ante o Ministerio de Agricultura español problemas coa vacinación de gando contra a lingua azul, mentres a Xunta da Galiza defende que fornece gratuitamente estas vacinas.

Con todo, o sindicato advirte de que debido á "mala planificación" da campaña as granxas teñen que financiar nalgúns casos veterinarios privados.

Sobre isto, nunha resposta da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias ao SLG á que tivo acceso a axencia Europa Press, o departamento galego lembra que iniciou o pasado 7 de marzo unha campaña urxente de vacinación, visitando todas as explotacións da zona afectada, "con medios propios e gratuíta".

Ao mesmo tempo, tras esta vacinación, a Consellaría explica que os animais que van superando a idade de tres meses e, por tanto, están sen vacinar, estabeleceuse a posibilidade de que tanto o persoal veterinario clínico privado como o persoal veterinario da ADGS puidesen realizar a vacinación, a demanda dos gandeiros.

Con todo, para o caso dos gandeiros que desexen vacinar aos seus animais antes de que o persoal da Consellaría realice a vacinación na súa explotación cando lle corresponde, a Xunta indica que, "obviamente", o propietario deberá asumir o custo dos servizos de vacinación, aínda que insiste en que "o produto será fornecido gratuitamente pola Consellería".

Neste contexto, o sindicato considera un "agravio comparativo" esta situación, xa que, segundo apunta, hai granxas que se teñen que facer cargo dos gastos de vacinación, á vez que noutras son os veterinarios oficiais os que cumpren coas obrigacións sanitarias, algo que, insiste, é causa da "nefasta planificación desta campaña de vacinación".

Indemnizacións

Así mesmo, en relación coa posíbel existencia de danos e reaccións adversas tras a aplicación da vacina da lingua azul, a Dirección Xeral de Gandaría asegura que son indemnizábeis pola administración "os abortos e mortes producidos como consecuencia da vacinación, sempre que se poida estabelecer unha relación causal entre a vacina aplicada e o efecto oportuno".

Ante isto, o sindicato lamenta que o prazo limitado para estas indemnizacións sexa de "48 horas despois da inoculación", o que, segundo expón, "imposibilita identificar e recoller rigorosamente os seus efectos secundarios", xa que as incidencias van "máis aló de tres semanas".

En relación coas reaccións adversas, o Sindicato Labrego Galego asegura que as granxas están "preocupadas" porque a nova versión da vacina, "modificada despois de efectos secundarios adversos denunciados anteriormente, está a ser probada precisamente na Galiza", sen que "dea tempo a seguir os seus resultados ou estabelecer comparativas cos doutros territorios".

Á vista destes feitos e "ante a falta de vontade de solucións patente na resposta da Consellería do Medio Rural", o SLG contactou co Ministerio de Agricultura, "que argumentou non ter competencias", polo que volveron a reiterar a solicitude á Xunta dunha reunión "urxente" para abordar a campaña de saneamento da lingua azul e medidas de control e erradicación desta enfermidade.

 

Comentarios