As explotacións gandeiras denuncian "abandono" na vacinación contra a lingua azul

As perdas polo veto á saída das granxas de animais que aínda non se conseguiron vacinar e os atrasos en que se realice preocupa ao sector. Mentres, a Xunta da Galiza nega "bloqueo".

Varias vacas pastan na Sierra do Xistral o 23 de febreiro de 2023, en Abadín, na Terra Chá (Foto: Carlos Castro - Europa Press).
photo_camera Varias vacas pastan na Serra do Xistral o 23 de febreiro de 2023, en Abadín, na Terra Chá (Foto: Carlos Castro - Europa Press).

Gandeiras e gandeiros da Galiza denunciaron nos últimos días "abandono" por parte da Xunta da Galiza ante a vacinación contra a lingua azul, con diferentes problemáticas que se viven en zonas como Monforte, Chantada e serra de Queixa, a serra de San Mamede, a serra do Fial das Corzas e os montes do Invernadeiro.

A lingua azul é unha enfermidade vírica de carácter infeccioso non contaxioso -non se transmite por contacto directo entre animais-, senón que se transmite por mosquitos.

O plan de vixilancia desta enfermidade detectou en febreiro os casos de lingua azul de serotipo 4 en reses de Castro Caldelas, Sarreaus (A Limia), Fornelos de Montes (comarca de Vigo) e As Neves (O Condado) -onde deron positivo dous animais da mesma explotación-

A principal preocupación deste sector son as perdas polo veto á saída das granxas de animais que aínda non se conseguiron vacinar.

En concreto, unha afiliada do Sindicato Labrego Galego (SLG) apunta que no momento de querer vender os seus animais non conseguiu autorización para poder levalos á feira ao non estar vacinados, cun atraso por parte do servizo veterinario da Xunta debido ao gran volume de traballo que ten que facer fronte.

"Estiven forzada a chamar a un veterinario que non coñezo e pagarlle o que me quixo cobrar, porque non hai quen o faga", quéixase, debido a que deben esperar a que conten con dúas doses para poder vendelos ou levar a matadoiros.

Situación “desesperada”

Sobre este tema, Unións Agrarias (UUAA) denunciou unha situación "desesperada" polo veto a que se poidan sacar reses das granxas sen vacinar. Urxe a que se amplíen os medios dispoñíbeis, dado que o servizo veterinario da Xunta "está desbordado e falto de pesonal".

UUAA apunta que en zonas ourensás como Viana do Bolo hai unha gran produción de ovino e vacún de carne que se ve "seriamente resentida" en plena campaña de verán, época de maior consumo e cando as granxas programan partos.

Expón que ven prexudicadas as explotacións de vacún que no seu momento non puideron inmunizar aos seus animais por ser menores de tres mes e agora atópanse en idade de sacrificio ou de ser levados a cebadeiros.

Igualmente, Unións Agrarias reclama que se modifiquen os criterios que se aplican no que respecta á saída de becerros e tenreiros nados de vacas sen vacinar, o que tacha de "medida sen sentido cando non existe risco de transmisión directa de nais a fillos que está a xerar graves problemas nas explotacións das contornas de Chantada e Monforte".

Problemas coa vacina

Desde a Federación Rural Galega (Fruga), o seu coordinador de Sectores Gandeiros, Elías Somoza, engade en conversa con Nós Diario que non se debería esquecer “os problemas que houbo coa propia vacina”.

Segundo este gandeiro “houbo algunhas baixas durante a vacinación ocasionadas pola propia vacina”. Malia que “non foron moi numerosas, houbo casos”.

En relación aos atrasos na propia vacinación, “as perdas son evidentes, ao ter que seguir mantendo os animais nunhas circunstancias en que os custos de produción van á alza”. Este sindicalista bota en falta “un aumento no cadro de persoal da Xunta” para realizar este traballo.

Nas actuais circunstancias, Somoza demanda que o Goberno galego “compense ás explotacións gandeiras” para que evite as perdas que ocasionan estes atrasos.

Medio Rural deféndese

Pola súa banda, a Xunta defende que "non hai ningún tipo de bloqueo nin de atraso na campaña de vacinación de lingua azul", á vez que sostén que o Goberno galego está a actuar coa "máxima dilixencia e eficacia".

A Consellería do Medio Rural informa de que xa se vacinaron 230.000 animais bovinos contra a lingua azul na Galiza despois de que en febreiro se detectasen catro focos no país tras 14 anos sen casos.

Ademais, a Xunta asegura que tamén se vacinados 54.000 animais ovinos e está previsto terminar o proceso para mediados do mes de agosto.

Comentarios