O BNG denuncia o uso "partidista" do PP coa lei do litoral

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) denuncia que o Partido Popular está a facer un uso "partidista" da lei do litoral. Os nacionalistas levarán á Cámara unha proposición non de lei para a defensa do exercicio por parte da Galiza de todas as competencias relacionadas co dominio público marítimo e terrestre, algo “esencial”, como recollen na iniciativa xa rexistrada. 
Unha mariscadora diante de Ence. (Foto: Salvemos Monteferro)
photo_camera Unha mariscadora diante de Ence. (Foto: Salvemos Monteferro)

BNG levará á Cámara unha proposición non de lei para a defensa do exercicio por parte da Galiza de todas as competencias relacionadas co dominio público marítimo e terrestre, algo “esencial”, como recollen na iniciativa xa rexistrada.

“A actual redacción do Estatuto ampara o exercicio das competencias na ordenación do litoral”, defendeu o portavoz de Infraestruturas e Medio Ambiente dos nacionalistas, Luís Bará, que sinalou ademais que a actual versión da lei do litoral anunciada polo Partido Popular (PP) é “papel mollado”, a non ser que se negocie unha transferencia dos medios de xestión do dominio público marítimo e terrestre, unha “peza central” da nova norma, que de momento carece de seguridade xurídica, xa que confronta con varias normativas estatais.

Fronte ao “enroque en posicións partidistas” da Xunta e do Goberno español, declarou Bará, o BNG presentou unha proposición non de lei de traspaso dos medios humanos e materiais de xestión do dominio público marítimo-terrestre “para poder xestionar desde a Galiza as concesións neste ámbito”, anunciou o deputado. Así mesmo, o BNG defende a apertura dun prazo de tres meses para que “todas as administracións, entidades sociais e os sectores económicos” poidan participar de maneira activa na redacción desta lei.

Un PP “máis interesado na confrontación que no exercicio das competencias galegas”

Pola súa banda, Rosana Pérez, portavoz de Pesca do grupo parlamentario do BNG, sostivo que o exercicio das competencias propias no litoral é “unha necesidade imperiosa” e concorda coa necesidade de “abrir un amplo proceso de debate social e institucional”, mais sinalou as súas dúbidas sobre as verdadeiras intencións da Xunta respecto deste proxecto, xa que “agora lle acorda ao PP todo o contrario do que veu defendendo durante anos”, criticou. Pérez recoñeceu o labor do Observatorio do Litoral da Universidade da Coruña na súa elaboración, pero sostivo que o texto é un punto de partida “con moitas asperezas para limar” e criticou, doutra banda, o uso que está a facer o PP coa lei do litoral, utilizándoa unicamente para “confrontar co Estado español”, sinalou.

Unha Xunta, en definitiva, máis interesada en alimentar o enfrontamento institucional que en defender os intereses do mar e a costa galegas”, engadiu a deputada nacionalista. Pérez advertiu, ademais, que o Goberno galego se atopa “sumido nunha campaña iniciada para defender algo tan insustentábel como a permanencia de Ence na ría de Pontevedra”, con este anteproxecto de lei. Rosana Pérez fixo así referencia á campaña que comezou en 2019, logo da sentenza da Audiencia Nacional que anulou a prórroga da pasteira pontevedresa, concedida en 2018 de maneira irregular polo Goberno español en funcións de Mariano Raxoi.

O BNG demanda nas alegacións rexistradas “unha maior concreción” nalgunhas propostas, a consideración como “estratéxica” da actividade pesqueira e a “non consideración como estratéxica” da rede de estabelecementos turísticos do litoral. “Esta lei dálle prioridade ao sector turístico e outras actividades por riba dos intereses do sector do Mar”, aclarou Pérez. Ademais, a formación nacionalista tamén empraza a unha preeminencia da lexislación do patrimonio cultural nas actuacións sobre os bens do patrimonio histórico costeiro.  

Comentarios