O plan estatal do hidróxeno non contempla a planta de Meirama

A Xunta insiste na creación de emprego na fábrica.
Reunión entre o Executivo galego e o sector empresarial, esta sexta feira (Foto: Xunta).
photo_camera Reunión entre o Executivo galego e o sector empresarial, esta sexta feira (Foto: Xunta).

O proxecto de Reganosa, Repsol e Naturgy para desenvolver unha planta de xeración de hidróxeno verde en Meirama foi rexeitado na fase de avaliación e selección de solicitudes no programa do Estado español de cadea de valor do hidróxeno. 

Porén, e a pesar da incerteza sobre o futuro do proxecto, o vicepresidente primeiro da Xunta da Galiza, Francisco Conde, declarou esta sexta feira que o Executivo galego "vai axilizar o proceso desde o punto de vista administrativo, unha vez se presenta a solicitude para declarar o proxecto como unha iniciativa empresarial prioritaria".

Así mesmo, subliñou "o proxecto vai permitir descarbonizar a economía e consolidar o desenvolvemento dos proxectos industriais na Galiza". Ademais, sinalou que espera que o país sexa "un referente desde o punto do hidróxeno verde".

Segundo reportan desde as empresas implicadas e desde o Goberno da Galiza, a planta de hidróxeno renovábel tería unha potencia inicial de 30 MegaWatts (MW), modificábel en distintas fases até un potencial total de 200 MW.

Produciría, explican desde estas fontes, máis de 4.000 toneladas de hidróxeno renovábel ao ano nunha primeira fase e alcanzaría unha produción total de 30.000 toneladas anuais.

Conde explicou que a Xunta instou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) a acometer "canto antes" a revisión da planificación eléctrica, "para que estes proxectos poidan ser unha realidade".

Nesta liña, sinalou que proxectos como as plantas de hidróxeno "necesitan dun reforzo e de investimentos dentro da infraestrutura de rede eléctrica" do Estado español. A directora de novos negocios de Naturgy, Silvia Sanjoaquín, indicou que se calcula que "estará en marcha ao longo de 2025".

Con todo, a única certeza, máis alá das reunións mantidas entre a Xunta e as empresas, é que polo momento, e a pesar de que a Xunta o teña declarado o proxecto como unha iniciativa empresarial prioritaria, non contará coas axudas para promover o seu desenvolvemento.

Comentarios