VI Xornadas Parlamento aberto

O BNG critica que a Xunta non sexa quen de atender as rías galegas

Reuniu expertos e representantes do sector pesqueiro e marisqueiro para tomar o pulso á situación do sector.  Os nacionalistas reclamaron e o saneamento e rexeneración integral das rías, “que leva vinte anos de retraso”.

parlamento bng

O BNG realizou este sábado as VI Xornadas Parlamento Aberto, nesta ocasión para tratar a situación das rías galegas. Para iso reuniu en Compostela un panel de expert@s, representantes do sector pesqueiro e marisqueiro e responsábeis políticos. Os nacionalistas reclamaron e o saneamento e rexeneración integral das rías, “que leva vinte anos de retraso”.

“Un ecosistema único, seguramente o principal motor económico do país e a empresa máis importante que ten Galiza, pero o saneamento e a rexeneración integral das rías é unha asignatura pendente”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, na apertura da xornada.

Os datos facilitados pola propia Xunta revelan que hai 1.358 vertidos dos que 348 son contaminantes. Se atendemos as rías, na de Arousa, un recente informe da UVI detectou vertidos contaminantes de augas depuradas e non depuradas e mortandade de marisco pola baixada da salinidade nos lombos do Ulla. No caso das rías de Arousa, Pontevedra e Vigo a produción de berberecho case desapareceu, -cunha caída de 93%-, a producción de ameixa baixou 28% e a produción de vieira 57%.

Na Ría do Burgo, toneladas de lodos tras anos anos de espera por unha actuación de dragado e recuperación integral. Na de Ferrol, desapareceron máis de 3.000 especies pola contaminación .

Para mudar a situación das rías, o BNG propón unha serie de medidas, como un Plan xeral de saneamento como prevé a normativa galega e, dunha vez por todas, completar a limpeza integral das augas. ENCE fora da ría e actuacións de rexeneración que pasen por eliminar vertidos, realizar dragados e unha rede de depuración en todo o litoral.

Igualmente, os nacionalistas tamén demandan competencias plenas para Galiza en materia de augas e competencias en salvamento marítimo.

Comentarios