O BNG critica a presenza institucional e as subvencións públicas para as procesións relixiosas

"Desde o respecto á pluralidade de crenzas relixiosas, cómpre tamén que as institucións respeiten a quen non as temos e deixar atrás estas imaxes anacrónicas que nos devolven a tempos escuros", di Xabier Pérez Igrexas.
Representantes institucionais de PSOE e PP en Concello, Xunta e Deputación e autoridades policiais e militares presentes nunha procesión. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Representantes institucionais de PSOE e PP en Concello, Xunta e Deputación e autoridades policiais e militares presentes nunha procesión. (Foto: Nós Diario)

O BNG volve expresar este domingo a súa crítica pola presenza de representantes institucionais nos actos relixiosos da Semana Santa de Vigo, así como a subvención con recursos públicos das procesións.

O portavoz municipal da formación nacionalista en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, defende que "en pleno século XXI, nun Estado formalmente aconfesional, non hai xustificación para que a Delegada da Xunta, a Vicepresidenta 2ª da Deputación, o portavoz do Goberno municipal de Vigo e concelleiros/as de PP e PSOE, xunto a autoridades policiais e militares participen como representantes de institucións públicas en actos relixiosos".

Para Igrexas, "a separación Igrexa-Estado é un imperativo democrático", polo que entende que "desde o respecto á pluralidade de crenzas relixiosas, cómpre tamén que as institucións respeiten a quen non as temos e deixar atrás estas imaxes anacrónicas que nos devolven a tempos escuros".

Diñeiro público

Desde a fronte nacionalista cuestionan tamén que se siga a financiar con recursos públicos actos relixiosos como as procesións, "que este ano recibiron 37.000 euros de subvención" do Concello de Vigo, precisan.

O BNG demandou na última Comisión Informativa de Orzamentos e Facenda que se informe, de maneira detallada, de todas transferencias económicas realizadas polo Concello de Vigo en favor da Igrexa Católica —diócese Tui-Vigo e/ou entidades dependentes—, en forma de subvencións ou outro tipo de fórmulas, desde 17 de xuño de 2023, data na que se constituíu a actual corporación municipal.

"Sabemos que entre subvencións, convenios ad hoc e outras axudas, estanse destinando decenas de millares de euros do Concello en favor da Igrexa Católica que por non pagar non paga nin o IBI das súas propiedades na cidade e cremos importante a máxima transparencia", explica Igrexas.

Comentarios