O BNG prognostica un "resultado histórico" no Val Miñor

Ana Pontón asistiu hoxe á presentación da candidata e dos candidatos ás Alcaldías dos Concellos de Gondomar, Nigrán e Baiona. 
Xavier Rodríguez, Manuela R. Pumar, Ana Pontńo e Iago Pereira na presentación das candidaturas ás Alcaldías do Val Miñor. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xavier Rodríguez, Manuela R. Pumar, Ana Pontńo e Iago Pereira na presentación das candidaturas ás Alcaldías do Val Miñor. (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, prognosticou que o Bloque terá un "resultado histórico" na comarca do Val Miñor, polo que será "decisivo" na vida municipal dos concellos da zona.

Así o sinalou hoxe na presentación das candidaturas da formación nacionalista ás eleccións municipais que se levarán a cabo no mes de maio deste ano.

En concreto, Iago Pereira será o cabeza de lista en Baiona, mentres que Manuela Rodríguez Pumar fará o propio en Gondomar e Xavier Rodríguez en Nigrán.

Transformar en positivo

"Son persoas que teñen as ideas claras para mellorar a vida dos veciños, para transformar en positivo e para facer avanzar esta comarca", reivindicou Pontón.

Como exemplo da capacidade do BNG á hora de liderar e achegar solucións, puxo o traballo desenvolvido polo grupo municipal en Baiona en áreas "chave" como a de medio ambiente, a participación veciñal, a igualdade ou a mocidade.

Tamén puxo en valor "a capacidade de traballo, o rigor e o recoñecemento social" de Manuela Rodríguez e a valía de Xavier Rodríguez para que o BNG teña "máis forza que nunca" en Nigrán.

Na súa intervención no acto de presentación das cabezas de listaxe nacionalistas do Val Miñor, Ana Pontón quixo subliñar que o BNG ten un proxecto "de futuro" para os concellos do Val Miñor, polo que se converterá nunha forza "decisiva" en Baiona, Gondomar e Nigrán, "poñendo as persoas no centro e dotando as vilas de maior dinamismo económico e social".

Comentarios