18-F | BARÓMETRO PARA NÓS DIARIO

Barómetro de EM-Analytics (12 de febreiro): O BNG, a catro décimas de arrebatarlle un escano ao PP na Coruña e a cinco de quitarlle outro en Pontevedra

A campaña electoral entra na súa semana decisiva co Alfonso Rueda e Ana Pontón pelexando pola Presidencia da Xunta da Galiza por só unhas décimas. A entrega de hoxe do barómetro para as eleccións galegas do Instituto Demoscópico EM-Analytics que publica Nós Diario (a última que a lei electoral permite publicar) sitúa ao BNG a catro décimas de arrebatar un escano ao PP na circunscrición da Coruña e a cinco décimas de deixalo sen outro escano na circunscrición de Pontevedra. A batalla polo Goberno galego fica en mans dese 19% do electorado que aínda non decidiu o seu voto.

Estimación de escanos e votos segundo o barómetro de EM-Analytics para 'Nós Diario' deste 12 de febreiro.
photo_camera Estimación de escanos e votos segundo o barómetro de EM-Analytics para 'Nós Diario' deste 12 de febreiro.

A semana decisiva nunha campaña electoral é a segunda, onde as grandes tendencias da primeira se agudizan e se modulan para conformar o resultado final. O Partido Popular entra na mesma deixando 2,7 puntos en relación aos comicios galegos de 2020 e co seu rexistro máis baixo desde o comezo da publicación do barómetro do Instituto Demoscópico EM-Analytics o 20 de xaneiro. Así as cousas, a formación encabezada por Alfonso Rueda colócase nunha estimación de voto de 45,3%, por baixo da porcentaxe da convocatoria de 2005, cando Manuel Fraga perdeu a maioría absoluta, e con 38 escanos, catro menos que na actualidade.

O PP está a catro décimas de perder un escano na Coruña e a cinco de ceder outro de Pontevedra, o que situaría os populares en 36 actas, dúas por baixo da maioría absoluta.

O BNG, a forza que máis medra

Nos dous casos, pelexa estes escanos co BNG, que logra na primeira circunscrición 31,7% dos sufraxios e na segunda 31,8%, o que implica un incremento do voto de 6,8 puntos e de 7,1 puntos en relación cos comicios galegos de 2020. Neste sentido, os nacionalistas son a forza que máis medra durante a campaña electoral, pasando de 27,6% dos votos ao comezo da mesma a 30,5% na xornada de hoxe, o que significa 2,9 puntos en dez días e unha suma total de 23 escanos.

O Instituto Demoscópico EM-Analytics outorga 16,8% dos sufraxios e 13 escanos ao Partido Socialista de Galicia. A formación encabezada por José Ramón Gómez Besteiro deixa1,5 puntos desde o comezo da campaña e logra os seus peores rexistros na Coruña, o territorio do secretario xeral, Valentín Formoso, con 14,6% dos votos, e en Ourense, con 15%.

Nesta dirección, só na circunscrición de Pontevedra logran colocarse por encima de 20%, se ben desde a dirección do partido agardan recuperar nos días que faltan até as eleccións e colocarse nunha porcentaxe de sufraxios e nunha representación de escanos superior a 2020.

Fragmentación dos votos

A dispersión do voto no abano ideolóxico da esquerda favorece a día de hoxe ao Partido Popular no reparto de escanos. Neste sentido, na Coruña, Sumar obtén 3,6% dos sufraxios e Podemos 0,8%, porcentaxes que en ningún dos casos superan o mínimo legal para acceder á Cámara galega, situado en 5%, polo que deixa a 4,4% do electorado de esquerdas orfo de representación. Na mesma liña, en Pontevedra, Sumar logra 3,8% dos votos e Podemos 0,6%, nun caso e noutro por baixo do mínimo legal para entrar no Parlamento. Así as cousas, a formación liderada por Marta Lois, con 3,1% do voto na Galiza, e a organización encabezada por Isabel Faraldo, con 0,7%, non alcanzan ningunha acta.

O barómetro para as eleccións galegas do Instituto Demoscópico EM-Analytics deixa a Democracia Ourensá cun escano e 6,2% dos votos en Ourense. Porén, esta mostra sitúa o Partido Popular a catro décimas de arrebatarlle a acta a formación encabezada por Armando Oxea. Pola súa banda, Vox suma 2,3% dos sufraxios no conxunto da Galiza, unha porcentaxe que non lle permite alcanzar ningún escano.

Ficha técnica

Universo: persoas con dereito a voto na Galiza. / Ámbito: Galiza / Cotas por escala ideolóxica, idade, sexo, renda, ocupación, territorio, formación e interese na política, segundo a distribución do censo electoral. / Tamaño da mostra: 1.400 enquisas satisfactorias. / Procedemento de recollida de información: Modelo híbrido. Entrevista online, asistida por ordenador con cuestionario intelixente estruturado CAWI. Reforzo de mostra en Lugo e Ourense con entrevistas telefónicas a fixos e móbiles, asistidas por sistema CATI. / Marxe de erro: 2,62% (N-1.400) para un grao de confianza do 95% (dous sigmas) e na hipótese de P=Q=0,5. / Duración do cuestionario: 4-5 minutos. / Datas do traballo de campo: Inicio do tracking: 1 de xaneiro. Mostra engadida: 11 e 12 de febreiro de 2024. / Número de supervisores: 3. / Responsábeis da análise: Rodrigo Panero e Miguel Díaz. / Instituto: EM-Analytics.com.  

Comentarios