18-F | ENTREVISTA

Isabel Faraldo (Podemos): "Podemos é o proxecto máis valente e transformador ao que dar o voto"

Isabel Faraldo é candidata de Podemos á Presidencia da Galiza. Traballadora da sanidade pública e ex concelleira da Coruña.
Isabel Faraldo, candidata de Podemos a presidir a Xunta da Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Isabel Faraldo, candidata de Podemos a presidir a Xunta da Galiza. (Foto: Nós Diario)

—A sanidade é un piar fundamental para a súa formación e vostede é traballadora do sector, como ve o sistema público?
Non só para a nosa formación, é un piar para calquera pobo, a sanidade pública gratuíta e universal é un tesouro que temos que coidar, porque por aí imos ter que pasar todos e todas. Que se fixeran recortes de máis de 2.000 millóns de euros tan só na Atención Primeira tradúcese en mortes, hai que dicilo.

Os recortes en sanidade pública supoñen precarizar o servizo para ir desmantelándoo gota a gota, tendo menos persoal co sobrecargado que xa está, así como o fechamento de centros e de consultorios especialmente no rural, onde hai ademais un peor transporte público.

Temos ademais un sistema precarizado e externalizado de ambulancias, soamente contamos con 129 para toda a Galiza, e só no nove medicalizadas. E máis de 40.000 persoas esperando por unha intervención cirúrxica, moitas delas que ao mellor non chegarán a tempo.

En saúde mental hai 9.000 persoas agardando por unha cita, nunha Galiza na que temos un dos máis altos índices de suicidios a nivel estatal. Todo isto é dramático para a sanidade pública porque é dramático para os galegos e para as galegas. A sanidade ten que ser un piar fundamental cando haxa un Goberno de cambio.

—É a primeira vez que Podemos se presenta coas súas siglas a unhas eleccións galegas. Por que pensa que as bases rexeitaron o preacordo con Sumar?
A militancia entendeu que era un acordo precario e pobre para a nosa formación. Porén, máis alá dunha cuestión de identidade, que tamén, é unha aposta polo noso proxecto, o máis valente e transformador neste momento.

En moitas outras ocasións a xente non sabía cal era a nosa papeleta, porque non é que non nos presentaramos como Podemos, senón que incluso en cada convocatoria houbo unhas siglas diferentes.

—Foi concelleira na Coruña, que experiencias pode levar para o Parlamento?
Aprendín que o principal está nas rúas, que o contacto ten que ser continúo, que non hai nada como achegarse ás persoas afectadas, ás organizacións, ao activismo, porque aí é onde está a realidade.

—A esquerda estatal vai separada, cre que isto favorece a mobilización, ou teme, como din as enquisas, que haxa votos que non se traduzan en escanos e favorezan unha maioría do PP?
Non vai ser a pluralidade das forzas progresistas a que impida reverter as políticas do PP nin sacalo do Goberno. Esa pluralidade, ao igual que no Congreso español, pode entrar tranquilamente no Parlamento galego. Nós temos un proxecto e temos que defendelo como tal. Máis alá das tácticas electorais, o principal para unha persoa é defender as súas ideas, aquelo no que cre.

O noso é un proxecto para defender precisamente o que nos diferencia do resto de forzas progresistas. Nós nunca aceptaremos nin un recorte para a clase traballadora nin ningunha perda de dereitos. Sempre imos dicir o que estamos dispostas a cumprir, non imos ser politicamente correctas para trasladar ao electorado algo que nos convén nun momento. Dicimo ás veces incluso cousas que outros calan porque son incómodas ou son molestas, mais que son necesarias.

—Cre que hai posibilidade de cambio? Entrarían nun posíbel cogoberno?
Estamos convencidas de que imos entrar no Parlamento da Galiza e estamos dispostas a facer todo o que estea na nosa man dentro para expulsar do Goberno ao PP. Non é unha cuestión de vinganza, senón de xustiza, os Gobernos do PP son daniños para a Galiza. Cremos que é posíbel, que as forzas progresistas, e sobre todo o electorado galego, podemos botar, con B, ao Partido Popular.

Cando falo coa xente, hai unha verdadeira inquedanza ante a posibilidade de que se manteña o actual Executivo. Polo que supón para a sanidade, a educación, a industria, o mundo da cultura ou para a transición ecolóxica. As macroeólicas e a minaría están azoutando absolutamente á Galiza, sen que o país saque un beneficio de todo isto, senón todos os prexuízos. A Galiza ten superprodución de electricidade e porén, as galegas e os galegos pagamos a electricidade máis cara. É a lóxica do beneficio para catro no canto do beneficio para toda a cidadanía galega.

—Entón, aposta por que a súa formación entre nun cogoberno?
A min gustaríame falar iso a partir do día 18, con toda a prudencia e a humildade do mundo estamos centradas en facer o traballo necesario para que Podemos entre no Parlamento. A partir de aí, insisto, todo o que faga falta pola nosa parte para reverter as políticas do PP e para que este partido non goberne.

—Como veu Alfonso Rueda no debate da CRTVG? Como se sentiu vostede?
A Rueda vino débil, sorprendeume que un presidente da Galiza, que ademais ten un longo percorrido na política, estivese tan débil e inseguro. Non creo que haxa unha imaxe mellor que a súa propia para ver o obsoleto e o desgastado que está o seu proxecto político.

Eu sentinme cómoda, porque represento a unha forza política decente, non levo na miña bolsa máis que as medidas e as propostas políticas que defendemos. Somos moi valentes, fronte a datos "cuantitofrénicos" puxemos enriba da mesa realidades humanas, e a min iso fíxome sentir moi cómoda.

—Máis alá do que pase o próximo 18 de febreiro, cal cre que será o futuro de Podemos na Galiza?
A Galiza é un país plural e progresista, estou convencida. Se somos quen de arrincar as políticas clientelares, oportunistas, caciquís e de compra de vontades do PP, seremos quen de que emerxa esa Galiza plural e progresista, e creo que aí Podemos ten un papel importante que iremos traballando paso a paso sen ningún tipo de complexo, con toda a humildade mais tamén con toda a forza do que representamos, porque somos unha forza que ten que estar, e que será importante na Galiza do presente e na Galiza do futuro.

Comentarios