18-F | Entrevista

Armando Oxea (DO): "Confiamos en sacar dous ou tres deputados; catro, cun golpe de sorte"

Armando Oxea Bouzo (Vilar de Barrio, A Limia, 1962), unha das persoas da máxima confianza do alcalde de Ourense e líder da formación pola que concorre ás eleccións ao Parlamento galego do 18 de febreiro, é concelleiro na cidade das Burgas desde 2015 e, entre 2019 e 2020, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, froito dun pacto co PP que incluía que DO non se presentase aos comicios galegos daquel ano pero que de cara a esta nova cita non se reeditou. Oxea, en conversa con 'Nós Diario', insiste en que a súa formación terá a chave do novo Goberno da Xunta: "Pactaremos con aquel partido ou partidos que nos garantan o máximo investimento na nosa cidade e na nosa provincia".
Armando Oxea, candidato de Democracia Ourensá (DO) á presidencia da Xunta da Galiza. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Armando Ojea, candidato de Democracia Ourensá (DO) á Presidencia da Xunta da Galiza. (Foto: Nós Diario).

—Após non concorrer ás eleccións galegas de 2020, este ano vólvense presentar. Que mudou para que DO aspire de novo a entrar no Parlamento da Galiza?
A nosa intención sempre foi concorrer a estas eleccións. De feito, desde os inicios do partido, presentámonos sempre de forma testemuñal e consciente, co ánimo de marcar uns fitos e dicirlle á xente que estabamos aí. Nas pasadas eleccións autonómicas chegamos a un pacto co PP, a dúas bandas, no Concello e na Deputación, para podermos gobernar nós no Concello.

O PP impuxo daquela como condición que non nos presentásemos ao Parlamento galego nas eleccións inmediatas e nós cumprimos. Non foi unha decisión propia. De cara á investidura da última corporación municipal, cando tamén se negociou con todos os partidos, o PP pretendeu introducir a mesma cláusula, pero esta vez non a aceptamos. Estivo nos borradores mais non no acordo final, polo que de novo quedou aberta a posibilidade de presentarnos ás autonómicas, como así fixemos.

—Cre que lograrán arrastrar o electorado que votou DO nas municipais para obter representación?
Á vista dos resultados que obtivemos nas municipais, lembre que logramos dez concelleiros, por sete do PP, seis do PSOE e 4 do BNG. Consideramos que temos unha apoio moito significativo da cidadanía de Ourense, o cal nos fai pensar que podemos transferir as nosas capacidades de xestión ao Parlamento galego.

—As enquisas danlle a DO entre 0-1 escanos. Se logran deputado e resulta decisivo, favorecerán un cambio de goberno na Xunta ou pactarán con Rueda?
En primeiro lugar, nós ás enquisas non lles facemos demasiado caso. O grao de acerto que demostraron noutras convocatorias non as fai quedar en moi bo lugar. Nas últimas municipais dábannos dous ou tres concelleiros e sacamos dez. Polo que respecta a DO fracasaron de cheo. Nós pensamos que sacaremos tranquilamente entre dous e tres parlamentarios; catro, cun golpe de sorte. Pero iso é, en todo caso, unha decisión do electorado e calquera previsión é xogar un pouco aos futuríbeis

O que está claro é que nós non temos, por defecto, ningunha preferencia á hora de pactar, chegado o momento. Se se dá o caso de que sexamos chave, falaremos con todos os partidos, como fixemos xa nas últimas convocatorias. Nós non lle poñemos a cruz a ninguén. Que se diga por aí que temos preferencia por pactar co PP... é un tópico e non é certo. Nós, e dicímolo alto e claro, pactaremos con aquel partido ou partidos que nos garantan o máximo investimento na nosa cidade e na nosa provincia, porque ese é o noso topic, o noso cabalo de batalla. Temos unha lista de agravios moi graves que desfacer. As pretensións son moitas pero tamén somos pragmáticos e responsábeis, así que como mínimo esixiremos para nós o mesmo trato que o resto das cidades da Galiza, para despois pensar en recuperar esa débeda histórica que ten a Xunta da Galiza con Ourense, que é unha cuestión recoñecida por outras moitas formacións políticas.

—DO preséntase cunha axenda política de perfil localista. Que ten que achegar o seu partido conxunto da Galiza?
Nós entendemos que o feito de que provincia de Ourense e a cidade de Ourense estean discriminadas inflúe na totalidade da autonomía. Eu sempre poño o exemplo da medicina: cando un órgano está mal, está mal todo o corpo. O desequilibrio territorial e as desigualdades non só afecta o discriminado senón que se hai unha especie de transferencia e inflúen no conxunto da sociedade. Nós imos loitar fundamentalmente por Ourense, pola transferencia de investimentos e servizos a toda á cidade e ao conxunto da provincia e iso, somos conscientes, redunda na maior calidade de vida de todos os galegos.

—En Ourense, Concello e Deputación acordárono co PP. Considérase vostede de dereitas?
Antes de nada, ese pacto ao que se refire foi un pacto de investidura, non de goberno, quero deixalo claro. E polo que se refire á cuestión de ideolóxica, e xa o reiterei noutras ocasións, DO constituíuse fundamentalmente desde unha perspectiva moi concreta: a discriminación da cidade do Ourense, sobre todo desde o punto de vista económico. Iso foi o que uniu as persoas que conformamos o partido, que coincidimos nesa idea, na idea da discriminación da cidade e da provincia e na idea da necesidade de reverter esa situación.

No resto das cuestións digamos que hai ou pode haber disparidade ideolóxica entre os seus membros, entón non é significativo, aparte de que eu non comparto ese marco conceptual das dereitas e das esquerdas, eu son máis ben do diagrama de Nolan. Así que como é unha cuestión persoal, a miña ideoloxía concreta, non vou dicir máis, porque non lle dou sentido nin é unha cuestión que atinxa o noso partido...

—Galiza é das poucas comunidades que non actualizou o seu Estatuto e en 15 anos de PP non houbo novas competencias. Hai que ir a un Estatuto máis ambicioso?
Falarei aquí a título persoal, porque xa lle digo que DO non se posiciona ao respecto. O Estatuto da Galiza votouse a finais de 1980, xusto no mes en que eu fixen os 18 anos. Era a primeira vez que eu podía votar e non puiden ir porque lembro que tiña un avión moi cedo aquel día, antes de abrisen os colexios. Pero tería votado afirmativamente. Isto non quere dicir que polo que respecta a esta norma e a outras cuestións relacionadas co país galego non haxa que actualizalas e avanzar. Mais insisto en que non é unha cuestión propia do noso partido. No caso da lingua témonos posicionado máis ben a nivel individual como promotores do lusismo no galego.

Eu particularmente na Deputación promovín, até que que o logrei, a Medalla de Ouro da provincia a Isaac Alonso Estraviz. Eu considérome, de corazón, galeguista, pero non é nada que se transfira ao resto dos membros de DO, porque o partido ten outro obxectivo común. Pero que lle hai que dar unha volta ao Estatuto? Posiblemente, como ll ahai que dar á Constitución e outras moitas normas, que non son sagradas, e deben actualizarse conforme ás necesidades da sociedade e as demandas do pobo.

—Que é Galiza para vostede? É unha nación?
Entra vostede na cuestión nacionalista e de se estaría próximo ao BNG nas súas ideas. Eu coñezo as teorías nacionalistas, lin todas as obras de Bautista Álvarez, pertenzo a esa xeración que viviu a transición na súa adolescencia e teño a miña sensibilidade nese aspecto, pero tampouco vou dicir agora se son nacionalista ou deixo de selo ou que concepto teño da Galiza porque, xa digo, non toca agora mesmo falar disto cando estou en Democracia Ourensá. 

Comentarios