18-F | Entrevista

Marta Lois (Sumar): "Non hai fragmentación que favoreza o PP, senón ampliación de voto progresista que os vai deixar fóra"

Marta Irene Lois González (Vigo, 1969) foi designada candidata de Sumar Galicia á Presidencia da Xunta após exercer desde agosto pasado de portavoz do grupo parlamentario no Congreso desta formación que lidera a vicepresidenta do Goberno estatal Yolanda Díaz. Da man de Sumar aspira non só a obter representación no Pazo do Hórreo, senón tamén a entrar nun hipotético goberno 'a tres bandas' con BNG e PSdeG, tal e como apunta a 'Nós Diario'. Lois foi concelleira en Santiago entre 2015 e 2023, e no primeiro mandato, da man do daquela alcalde Martiño Noriega e en representación de Compostela Aberta, foi a responsábel das áreas de Igualdade e Turismo.
Marta Lois, candidata de Sumar á Presidencia da Xunta da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Lois, candidata de Sumar á Presidencia da Xunta da Galiza. (Foto: Nós Diario)

—A unha semana dos comicios xerais, ve máis perto un cambio de Goberno na Xunta?
Definitivamente, si. Vexo que hai un ambiente de ilusión e de esperanza, de que ese cambio é posíbel. E véxoo na xente, galegos e galegas que saen á rúa, que se manifestan pola sanidade pública, que se manifestaron en defensa do noso país ante o desleixo do PP ante a crise ambiental dos pellets. Véxoo nas enquisas electorais e preelectorais. Se Sumar Galicia está forte é posíbel arrebatarlle os escanos ao PP e a maioría absoluta. Ademais, as enquisas din que sete de cada dez galegas e galegos queren cambio. E agora estamos no momento de que ese desexo se converta en realidade indo a votar como se votou o 23-X.

—Vostede defende que ese goberno de cambio só será posíbel se é a tres e pon o foco no electorado progresista.
Nós chamamos estes días á participación, á mobilización, tendo en conta que non hai tanto, nas eleccións xerais do 23 de xullo, houbo maioría progresista. O noso país non é un país conservador, é progresista, e o que ten que pasar é que as mulleres, que foron as que pararon a Abascal e a Feijóo no goberno de España e que son as que paran a extrema dereita en Europa; a xente moza, os traballadores e traballadoras, teñen que seguir votando. Nas eleccións autonómicas o que acontece moitas veces é que baixa a participación. E cando a participación baixa, o voto que ten que ampliarse, o voto progresista cae e iso non pode suceder. Por iso interpelamos as mulleres galegas, a xente moza, traballadora, porque tamén é á xente á que nos diriximos para facer as políticas que cambian a vida cotiá, que son útiles. Creo que Sumar Galicia ten moito que achegar a ese goberno a tres.

Insistimos moitas veces en que o BNG e o PSdeG sós non chegan, que necesitamos tres forzas progresistas que teñen programas diferentes nalgúns aspectos, noutros, por suposto, somos todos forzas progresistas. E apelo a iso porque Sumar Galicia ten no seu haber, tamén unha ambición de levar a cabo políticas transformadoras. Como sabe, eu teño experiencia de goberno e de xestión na capital do país. Sei ben do que falo cando falei no seu día de vivenda, de regulación de vivenda e de uso turístico. Sei ben o que falo cando falo de políticas feministas e sei que con Surmar Galicia nun goberno a tres teremos formas de facer política valentes que van empuxar moito máis alá do que algunhas outras forzas están dispostas.

—As enquisas apuntan unha importante división do voto de esquerda que favorecería a maioría do PP. Teñen medo a que isto suceda?
Non, todo contrario. Eu creo que aquí instalouse de maneira equivocada a idea de que hai fragmentación e que a fragmentación beneficia o PP. O importante é que non quede ningún voto progresista na casa e a garantía de que iso aconteza, para min, é Sumar Galicia, claramente, porque as enquisas e os estudos científicos o que din é que cada voto arrebatado por Sumar Galicia, cada escano arrebatado é un escano menos do PP. Polo tanto, o reto que temos para o 18-F é o reto de ampliar que as urnas se enchan de votos progresistas e, por suposto, para nós, de votos de Sumar Galicia. Non hai fragmentación que favoreza o PP, senón que hai expansión, ampliación de voto progresista que os vai deixar fóra despois de 14 anos de parálise e de maltrato dos servizos públicos e dos dereitos das galegas e galegos.

—Se despois do 18-F dan as contas e obteñen representación no Parlamento, pedirá entrar no Goberno?
Estes días xa estamos a falar dese goberno e por suposto, coa miña traxectoria, o meu perfil e experiencia de goberno eu quero gobernar. Eu son a candidata á presidencia da Xunta da Galiza con vontade de entrar no goberno e ter capacidade para decidir e facer, como no Goberno do estado. Somos unha forza política útil que cumpre o que di. Somos fiábeis.

E eu, ademais, son persoa de diálogo, de negociación e de chegar a acordos e creo que iso é o que quere o noso país. O país do cambio quere un goberno que se entenda, con políticas valentes que reverta este desleixo dunha sanidade en coma, dun ensino maltratado, dun servizo da dependencia privatizado e que aposte por un sistema galego de coidados, por rendas de garantía básica para as persoas que máis o necesitan, por rendas para mozos e mozas entre 18 e 30 anos e cun goberno a tres comprométome tamén a sacar adiante para Galiza unha necesaria limitación do prezo do aluguer. Ademais, con Sumar no Goberno galego, Galiza tamén vai ter máis peso no Estado.

—Galiza é das poucas comunidades que non actualizou o seu estatuto e en 15 anos de PP non houbo novas competencias. Hai que ir a un estatuto máis ambicioso?
Por suposto, desde Sumar Galicia imos propor un Estatuto do século XXI que recolla todos os dereitos sociais e ambientais. Despois de tantos anos de parálise do PP temos que actualizar e ampliar o noso autogoberno. Temos que dar un novo impulso estatutario e situar na axenda novas transferencias así como a aposta por novos dereitos sociais e polo reforzo do uso da nosa lingua, cun maior compromiso feminista. En definitiva, un novo estatuto que recolla dereitos sociais e ambientais, que coide e faga avanzar o noso país pola senda verde, das enerxías limpas e renovábeis, con respecto polos territorios e as súas xentes.

—Que é Galiza para vostede? É unha nación?
Galiza para min e para Sumar Galicia é unha nación. É un fito que levamos tamén na nosa forza estatal, somos un grupo plurinacional. E Galiza é unha nación que necesita máis autogoberno, máis competencias e máis dereitos sociais, ambientais e para as mulleres. Somos unha nación que precisa dun cambio político e dun goberno do século XXI.

Comentarios