Besteiro, co foco na Xunta: confirma que se presentará ás primarias do PSdeG do 29 de outubro

O socialista asume esta decisión "con grande orgullo" e "satisfacción", dixo esta segunda feira nos corredores do Parlamento galego, preguntado polos medios antes do Debate do Estado da Nación. As primarias serán, previsibelmente, o domingo 29 de outubro.
José Ramón Gómez Besteiro copou hoxe boa parte da atención mediática nos corredores do Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro copou hoxe boa parte da atención mediática nos corredores do Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O deputado socialista José Ramón Gómez Besteiro, cuxo nome aparece en todas as quinielas de 'presidenciábeis' do PSdeG-PSOE de cara ás vindeiras eleccións ao Parlamento da Galiza, vén de confirmar o que era un segredo a voces, que concorrerá ás primarias para ser o próximo candidato socialista á Presidencia da Xunta. Unhas primarias ás que tamén manifestou a súa vontade de presentarse Gonzalo Caballero, ex secretario xeral do partido.

Minutos antes de que dese comezo no Parlamento galego o Debate do Estado da Nación, Besteiro compareceu ante os medios de comunicación nos corredores da Cámara para facer oficial esta decisión, logo de que a Executiva Federal socialista ratificase a convocatoria dunhas primarias que decorrerán, previsibelmente con base nos prazos que se manexan actualmente, o domingo 29 de outubro. O socialista dixo que asume esta decisión "con grande orgullo" e "satisfacción" e avanzou que proximamente escenificará "o proxecto de Partido Socialista" que propón para Galiza, tanto para "satisfacer" as e os militantes como para enviar "unha mensaxe" ao país sobre "a posibilidade de cambio".

Gómez Besteiro chegou á Cámara acompañado do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a alcaldesa de Trabada, Mayra García, e o delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Blanco, entre outros compañeiros de partido. Na bancada de invitados do hemiciclo coincidiu co ex secretario xeral do PSdeG e actual dirixente de Espazo Común, Pachi Vázquez.

Besteiro foi o primeiro dos socialistas galegos en dar un paso adiante para concorrer oficialmente ao proceso de primarias, aínda que, a preguntas dos medios, restou importancia ao feito de que poida xurdir algún rival neste proceso. Preguntado sobre se espera que haxa máis candidatos ás primarias, Besteiro matizou que "nin espera nin desespera" nada neste sentido, xa que a súa decisión é "fundamentalmente persoal" e engadiu que o socialista é "un partido pioneiro no exercicio das primarias", que "asume con normalidade e con naturalidade ese proceso" á marxe de que "haxa un, dous, tres, catro ou cinco candidatos".

"O que me ocupa e preocupa é facer un bo traballo, presentarme diante dos militantes tal e como son, cun proxecto, como dixen antes, dunha Galiza aberta e, por tanto, dun Partido Socialista moi aberto cara á sociedade", dixo. Nas súas declaracións #nte os medios, Besteiro considerou que "un dos grandes defectos que hai hoxe en día na xestión da Galiza por parte do Partido Popular é fecharse en si mesmo e botar a culpa aos demais, non asumir responsabilidades propias".

"Algo que está a suceder agora na Galiza é que a Xunta non cambia a vida das persoas. É como se a vida das persoas as cambiase o Goberno estatal ou os concellos, pero non a Xunta", engadiu o socialista lucense, que criticou os actos do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que "visita Galiza" porque "necesita que os galegos o coñezan".

Primarias suspendidas en setembro

Inicialmente, as primarias dos socialistas galegos estaban previstas para o pasado 17 de setembro, pero a dirección federal do PSOE aprazounas "até a celebración da sesión de investidura e a eventual formación de Goberno" no Estado. Con todo, nun contexto no que aínda non se despexou esta incógnita, Besteiro defende que a el non lle "compete facer unha valoración". "Eu non son membro da Comisión Executiva Federal, son un home que, modestamente, aberto ese proceso, se vai presentar", engadiu, afirmando descoñecer "cal é a razón" para reabrilo agora.

Por outra parte, Besteiro considerou compatíbel optar ás primarias con formar parte da comisión de negociación para a conformación do Goberno español, un labor que lle encomendou, xunto con outros seis compañeiros, o líder do PSOE, Pedro Sánchez. "Eu creo que dá tempo a todo, o día é moi longo, as semanas son moi longas e, neste sentido, eu creo que dá tempo a todo", dixo, a preguntas dos medios.

Unha maior presenza de Besteiro

Desde a súa volta á primeira liña política tras permanecer apartado do foco mediático sete anos polas súas imputacións por parte da xuíza Pilar de Lara —todas elas quedaron arquivadas e a maxistrada foi sancionada e apartada do xulgado de Lugo—, Besteiro foi cobrando un maior protagonismo no Partido Socialista.

En concreto, o político lugués, que foi no seu momento presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral do PSdeG entre 2013 e 2016, regresou á política para ocupar o cargo de delegado do Goberno estatal na Galiza este mesmo ano, unha responsabilidade da que dimitiu para encabezar a candidatura do PSdeG ao Congreso pola provincia de Lugo entre rumores da súa posíbel postulación para ser o próximo candidato socialista á Xunta.

Desde a constitución das novas Cortes, o Partido Socialista outorgoulle visibilidade ao designalo como o parlamentario encargado de defender o uso das linguas cooficiais na Cámara baixa e ao situalo como un dos sete socialistas que levan a cabo as negociacións para a conformación dun novo Goberno.

Comentarios