Debate do Estado da Nación

Así foi o minuto a minuto do Debate do Estado da Nación

Alfonso Rueda enfróntase ao seu primeiro Debate do Estado da Nación como presidente da Xunta da Galiza, nun momento no que todos os focos apuntan xa a unhas eleccións que aínda non foron convocadas mais cuxa data podería estar próxima. Segue aquí o minuto a minuto do debate.
Rueda, Pontón, Álvarez e Pazos (Foto: Arxina).
photo_camera Rueda, Pontón, Álvarez e Pazos (Foto: Arxina).

Alfonso Rueda estréase esta segunda feira como presidente da Xunta nun Debate do Estado da Nación con anuncios de medidas para atraer investimentos á Galiza, como "unha simplificación de trámites sen precedentes" que creará "unha vía rápida" e con todas as garantías para os que "queiran apostar en serio pola nosa comunidade", así como outras propostas que pasan por aplicar "menos impostos para as familias e mellores servizos públicos para todos". É o seu primeiro debate destas características como presidente galego, pois o pasado ano non se convocou, e habería que remontarse ao outono de 2021 para atopar o anterior, daquela con Alberto Núñez Feixoo en San Caetano. Nesta sesión será Alberto Pazos Couñago o encargado de falar en nome do grupo do PP.

Enfronte, a oposición coincide ao sinalar que a lexislatura está "esgotada" e que o presidente Rueda está xa en "precampaña" nun contexto no que auguran que se poida dar "un fin de ciclo" á etapa do Partido Popular no poder. Os socialistas galegos poñen o foco no momento no que ten lugar o debate, nun contexto marcado pola situación política estatal e pola finalización da lexislatura, cuestións que consideran que "fan complicado" que Rueda poida cumprir cos obxectivos que un presidente debe marcarse para un debate destas características, como é "trazar un proxecto de futuro". Luís Álvarez será quen poña voz ás demandas do PSdeG.

Pola súa parte, tal e como sinalou o deputado Luís Bará, o BNG tratará de facer visíbel no debate a súa alternativa para o país fronte a un proxecto do PP que "deixa unha Galiza que vai a menos" tras 14 anos de goberno. Deste modo, fronte a esa Galiza que "non para de ir para atrás" froito dun goberno "descabezado" e "sen enerxía", destacou que o BNG presentará un proxecto de futuro para "abrir unha nova etapa na historia do país", consciente de que o debate "supón o inicio da conta atrás para o cambio". Ana Pontón intervirá en nome do Bloque.

A próxima convocatoria de eleccións ao Parlamento da Galiza, con data aínda descoñecida, centra un debate no que todos os focos están xa postos sobre a cita coas urnas.

 Actualizar

21.30h

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, fechou  a súa intervención no debate de política xeral subliñando que Galiza "non tolerará" que lle dean "menos" para "darlle máis a algún outro". Na que foi a última intervemción do Debate do Estado da Nación da segunda feira, Rueda asegurou que seguirá "co foco posto na Galiza" ao tempo que aproveitou para arremeter contra BNG e PsdeG.

20.30h

Ana Pontón, líder da oposición e do BNG arrincou a súa quenda de réplica acusando Rueda de ataques persoais contra a súa persoa. “Eu respéctoo pero vostede fixo dos ataques persoais o seu estilo”. “Está preocupado polo papel do BNG en Madrid cando vostede é o perfecto escudeiro de Feixoo que soñaba con Madrid”, engadiu a líder nacionalista.

20.00h

Na quenda de réplica, Luís Álvarez, do PSdeG, alertou Rueda de que teña coidado á hora de responder á oposición e non facer ataques persoais a respecto de que o titular da Xunta se referiu a Álvarez como “segundón”. “Eu non creo que vostede sexa unha mala persoa pero si creo que se lle quentou a boca e espero que use a súa última quenda para pedir perdón”.

18.55h

Despois dun receso de 10 minutos, retómase o Debate do Estado da Nación e toma de novo a palabra Alfonso Rueda. O presidente da Xunta replicou as forzas da oposición criticándoas de “terxiversar”. “Eu estou aquí para dicir a verdade, a diferenza do que fan vostedes”, manifestou Rueda.

17.45h

O portavoz parlamentario do PP, Alberto Pazos Couñago fai uso da palabra na quenda de réplica á oposición. Couñago defendeu o Executivo de Rueda e asegura que a política galega se caracteriza pola “estabilidade institucional”. Couñago centrou as súas críticas á líder da oposición, Ana Pontón, ao dicir que “trata con desdén o PP”.

17.00h

Quenda da líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón. A nacionalista comezou a súa intervención apelando á “maioría social que quere cambio no noso país”. Para Pontón, este debate confronta dúas Galizas: “A do PP, que quere unha Galiza máis pequena e a do BNG que busca unha Galiza en grande”. Aliás, a líder do BNG salientou que “a escolla está entre a submisión a Madrid que representa Rueda e o BNG, que confía no país”. “O cambio é imparábel”, espetou Pontón.

16.50h

Luís Álvarez, portavoz parlamentario do PSdeG, toma a palabra no debate nun discurso duro contra o titular do Executivo Galego. O socialista acusa Rueda de liderar un "goberno sen iniciativa" ao tempo que acusa o PP de "non ter propostas para a Galiza". Segundo Álvarez isto evidénciase en que "en 14 non conseguiron nin unha soa competencia para a Xunta". "Este será o seu último Debate do Estado da Nación como presidente", sentenciou o portavoz do PSdeG.

16.05h

Reanúdase o Debate do Estado da Nación

11.40h

Remata a quenda inicial de Rueda. A sesión retomarase ás 16h

11.35h

Rueda avanza a creación dun bono de 5.000 euros anuais para persoas con dependencia grande ou severa que sexan coidados nos seus domicilios por familiares como medida para favorecer que as persoas maiores "poidan envellecer nos seus fogares" e "rodeados dos seus". Rueda remata o seu discurso apelando á "estabilidade" e o carácter "previsíbel" do seu goberno fronte ás "aventuras políticas de escaso percorrido" que van "en contra da cohesión social" ao primaren "a ideoloxía".

11.30h

A Xunta investirá nas universidades galegas "como mínimo o 1% do PIB" total do país, segundo Rueda, que defende que con este incremento de fondos a Administración galega axudará á "adecuación das súas instalacións e á creación de novos espazos", alén de "fortalecer o seu sistema de I+D+i". Nesta liña, salientou que Galiza ofrece "a universidade máis económica e accesíbel de toda España", despois de "13 cursos consecutivos coas taxas conxeladas".

11.10h

Rueda avanza que o seu goberno elaborará unha Lei de prevención contra as adiccións para menores de idade que regularará os vapeadores e as bebidas enerxéticas e promoverá a "tolerancia cero" co botellón. Tamén anuncia a creación dun carné de descontos para persoas maiores de 65 que seguirá o modelo do 'carné xove' e a concesión dun bono de 5.000 euros anuais para persoas con dependencia grande ou severa que sexan coidados nos seus domicilios por familiares. No ámbito da atención aos maiores, porase en marcha dun complemento de 1.200 euros para as persoas depedientes que teñan un bono para acudir á residencia que non estará ligado ao nivel de renda.

11.00h

O presidente Rueda trasladará ao ministro de Industria, Héctor Gómez, a "lista de exixencias" da Galiza. "Espero que esta vez sexa receptivo", dixo, instando a "que se mobilicen xa os fondos europeos para a industria". "Eses 21.350 millóns de euros, máis de 60% do total, que aínda non chegaron a empresas como Stellantis, Altri ou Resonac, que poden crear emprego e riqueza na Galiza ou noutros moitos lugares de España", defendeu, ao tempo que cualificou de "pobre" o balance de cumprimentos do Executivo en funcións co país. "Levamos tempo coa desagradábel e inxusta sensación de que calquera demanda polo feito de proceder da Galiza é automaticamente esquecida, minusvalorada. A lista de esixencias non é miña, nin do meu partido, emana dos galegos e seguireinas defendendo en todos os foros, custe o que custe e moleste a quen moleste", aseverou. Entre o resto de demandas mencionadas, que se complete a autovía Santiago-Lugo, que se conceda "máxima prioridade aos viadutos da A-6", a chegada dos trens Avril, ou un "financiamiento xusto" para o corredor atlántico de mercadorías.

10.55h

A Tarxeta Benvida, axuda de até 3.000 euros do Goberno galego por filla ou fillo nado, concederase de forma automática ás familias que cumpran os requistos de renda sen necesidade de que cubran formularios nin presenten documentación adicional, segundo avanza Rueda, que presume de que Galiza é o país "con máis apoio ás familias".

10.40h

O presidente da Xunta gábase das súas rebaixas fiscais —que levaron o Goberno galego a deixar de ingresar 1.114 millóns de euros en só dous anos— e avanza un novo recorte en materia de impostos: o da vivenda baixa un punto e fica en 8% no tipo xeral.

10.28h

Rueda avanza que seguirá a defender o traspaso da autoestrada AP-9 á Galiza, ao tempo que demanda unha reforma do modelo de financiamento autonómico e urxe máis investimentos para o país por parte do Goberno estatal.

10.25h

Alfonso Rueda comeza reivindicando a súa "forma de facer política", con "selo Galiza", que basea na "estabilidade e lealdade co resto de España". En contraposición, carga duramente contra unha hipotética Lei de amnistía en Catalunya: "Sería un inmenso erro considerar Galiza allea ao debate que se está abrindo co independentismo, o debate é sobre o futuro de España e Galiza, e a voz dos galegos debe ser escoitada máis que nunca [...] Os intereses particulares duns partidos non van prevalecer sobre os intereses xerais".

10.10h

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ten a primeira quenda de intervención esta mañá, sen límite de tempo. A sesión retomarase logo ás 16 horas co debate cos representantes de BNG, Ana Pontón, e PSdeG, Luís Álvarez, que terán a oportunidade de interpelar directamente o dirixente popular.

10.10h

Arrinca o Debate do Estado da Nación

 Actualizar

Comentarios