Besteiro anuncia unha "nova etapa" no PSdeG coa economía como eixo

O secretario xeral do PSOE pediu "respostas" a Alfonso Rueda sobre a declaración de proxecto estratéxico desta factoría.
Gómez Besteiro en rolda de prensa.
photo_camera Gómez Besteiro en rolda de prensa.

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, asegurou que formará un Executivo que estará chamado a "marcar a nova etapa" dos socialistas galegos e que terá perfís centrados "no mundo da economía" ou sobre o "reforzo dos servizos públicos".

Nunha entrevista en RNE, Besteiro insistiu en que os nomes que formarán parte da dirección do partido se coñecerán o mesmo día do Congreso, que se celebrará o vindeiro domingo. "Alí formaremos ese equipo que está chamado a marcar esta nova etapa", afirmou.

Non obstante, avanzou que os perfís estarán centrados no "mundo da economía", nos servizos públicos, na "ambición nos compromisos culturais e lingüísticos" e nas "novas competencias de autogoberno" para lograr "unha Galiza máis moderna". .

Así, defendeu que os socialistas galegos abren agora "unha nova etapa" na que sente "confianza", polo que mantén "a esperanza de recuperar protagonismo entre a maioría dos votantes progresistas da Galiza".

Para lograr esta "estabilidade", indicou que o PSOE contará "na arquitectura institucional" na que "xa está presente". "Non somos un partido alleo ao goberno, representamos unha forza que está presente en moitas administracións e polo tanto o noso papel é desde a perspectiva de goberno", afirmou.

No plano interno, cuestionado sobre se Nicolás González Casares repetirá como candidato ás eleccións ao Parlamento Europeo, despois de que o PSOE vigués tamén propuxese a Gonzalo Caballero, Besteiro insistiu en que esta decisión a tomará o próximo Comité Federal de Madrid, pero apuntou que “demostra que o PSOE ten moita xente capaz para desempeñar o papel de eurodeputado”.

 

Altri

Por outra parte, preguntado pola súa posición sobre o proxecto de celulosa e fibra téxtil que Altri quere instalar en Palas de Rei, Besteiro pediu "respostas" a Alfonso Rueda sobre a declaración de proxecto estratéxico desta factoría.

Nesta liña, cuestionou por que en 2022 "se dicía que xeraría 2.500 postos de traballo e agora nin sequera chega aos 500". "Alguén terá que dar unha explicación", sostivo antes de lembrar que "o rigor ambiental é un requisito legal.

"Pero que pasou cos postos de traballo? Cambiou o proxecto? Rueda ten que dicir se foi enganado ou non sobre o proxecto, ou se ese proxecto segue compensando e se ten idea de cofinancialo", concluíu. 

Comentarios