Alcaldes e edís socialistas da Ulloa á Arousa piden ao partido unha estratexia ante Altri: "Non vale estar de perfil"

Representantes de 25 concellos manteñen esta sexta feira un encontro en Melide para formar unha mesa de traballo sobre a celulosa de Altri.
Ana Corredoira, portavoz do PSdeG en Palas de Rei (A Ulloa), terceira pola dereita, no pleno municipal en marzo. [Foto: Concello de Palas de Rei]
photo_camera Ana Corredoira, portavoz do PSdeG en Palas de Rei (A Ulloa), terceira pola dereita, no pleno municipal en marzo. [Foto: Concello de Palas de Rei]

O impacto da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei (A Ulloa) hai semanas que deixou de ser local ou mesmo comarcal. A exposición pública do Estudo de Impacto Ambiental (EIA) o pasado 4 de marzo do Diario Oficial da Galiza ten provocado nas últimas semanas declaracións políticas a nivel municipal e galego. Pronunciáronse sobre a celulosa as direccións dos principais partidos pero non contentaron moitos dos seus compañeiros e compañeiras a nivel local.

É o caso do PSdeG, o "descontento coa falta de estratexia política do partido" comezou na Ulloa, Terra de Melide e Arzúa, e foise estendendo Ulla abaixo a través dun grupo de WhatsApp no que participan voceiros e alcaldes socialistas desde a Ulloa á Ría de Arousa. Levan meses "traballando sen ter unha dirección, un equipo", e esta mesma sexta feira están citados en Melide para formar unha mesa de traballo sobre a celulosa de Altri, diante do que aseguran "non vale estar de perfil nin de canto, nin mirar para outro lado. O problema é que non temos unha estratexia propia, e non podemos estar mirando a Madrid para todo".

Así o explicou a Nós Diario Ana Corredoira, voceira do PSdeG en Palas de Rei, gandeira, produtora en ecolóxico e membro do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica da Galiza (Craega). Ela e as voceiras socialistas en Melide, Mónica Barral; e Arzúa, Begoña Balado, comezaron a traballar vendo o posíbel impacto de Altri sobre o terreo e, "sen o soporte nin a axuda" que reclamaron ás direccións socialistas provinciais e galega, puxéronse en contacto "río abaixo" con responsábeis socialistas de vinte e cinco concellos até a Ría de Arousa.

Corredoira explica que "é a nosa responsabilidade, non é unha pataleta nin se fai ás costas de ninguén, para nós é unha necesidade e un acto de coherencia". Levan meses traballando de modo conxunto e hoxe terán o seu primeiro encontro presencial en Melide, ao que están convocadas máis de 30 responsabilidades socialistas desde a Ulloa á Arousa, onde hai 11 concellos aos que abastece o Ulla (uns 150.000 habitantes).

Sen resposta da dirección do Partido Socialista

Os contactos evidenciaron que "temos todos unha demanda común, unha necesidade dunha estrutura e unha estratexia de traballo sobre este proxecto". Teñen claro que "este proxecto de Altri non é o que nos dixeron que era e queremos ter unha estratexia de traballo conxunta". As direccións provinciais do PSdeG, a Executiva e a Dirección Nacional están informadas, "se chegamos a esta convocatoria é porque somos moitas persoas que pensamos o mesmo. Manexamos xa información oficial sobre o proxecto, movémonos todas nunha mesma posición e imos dar formato á liña de traballo. Este proxecto non é o que nos dixeron que ía ser".

A voceira en Melide do PSdeG, Mónica Barral, foi a primeira en presentar unha moción para posicionar o pleno sobre Altri. Explica a Nós Diario sobre o proxecto que "non o queremos, as cousas non son como as contaron, é unha celulosa". Afirma que no grupo de traballo creado a nivel local "remamos todas na mesma dirección", pero no caso da dirección do PSdeG afirma que, "conversas co partido neste senso, non tivemos. Houbo correos electrónicos coa dirección do PSdeG da Coruña e non houbo contestación". Ten claro que os cargos locais teñen a responsabilidade sobre o terreo e afirma que, "se esperamos a que os de arriba que están metidos nun despacho fagan algo por nós, podemos agardar sentadas".

A portavoz socialista en Arzúa, Begoña Balado, explica a Nós Diario o seu sentir. É concelleira de Turismo e vicepresidenta da Mancomunidade do Camiño. "Preocúpame o que esteamos activando nestas zonas de turismo de natureza, e é importante o papel que temos porque non sabemos como vai ser isto de Altri".

Agolada rexeita a macrocelusosa

O pleno de Agolada (O Deza) aprobou esta quinta feira cos votos a favor de PAYJ (a formación do alcalde, Luís Calvo) e  do BNG dúas mocións, unha de cada partido, "de rexeitamento da macroindustria contaminante de Altri". O PP abstívose. A iniciativa partiu do BNG, que demanda que a Xunta "informe negativamente" o proxecto da pasteira en Palas de Rei. O alcalde asegurou que o Concello "está elaborando informes para presentar alegacións" contra a celulosa.

Comentarios