Gonzalo Caballero, proposto polo PSdeG de Vigo como candidato ás europeas

As propostas das agrupacións non son vinculantes e será a Dirección Federal a que decida os nomes que integrarán a lista

Gonzalo Caballero, nos corredores do Parlamento galego. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Gonzalo Caballero, nos corredores do Parlamento galego. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A asemblea do PSdeG de Vigo propuxo ao que fora secretario xeral do partido, Gonzalo Caballero, como candidato galego ás eleccións europeas.

Segundo informaron á axencia Europa Press fontes socialistas, a executiva do partido na cidade propuxo Gonzalo Caballero como candidato galego ás eleccións europeas e a asemblea, decorrida na noite da cuarta feira, aprobou a proposta por aclamación.

A candidatura de Gonzalo Caballero, conforme indicaron estas fontes, foi defendida polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, quen destacou o político vigués como a mellor opción posíbel pola súa traxectoria e valía.

Outras fontes sinalaron que o actual eurodeputado do PSdeG, Nicolás González Casares, pediu tamén o apoio dos militantes vigueses, pero finalmente, aínda que algúns membros da executiva recoñeceron o labor do político de Lalín (Deza) nas institucións europeas, a única proposta apoiada foi a candidatura de Gonzalo Caballero.

Precisamente, nas eleccións europeas de 2019 o actual eurodeputado lalinense foi o elixido para integrar a lista nun momento no que se postularon nas asembleas o que fora europarlamentario no anterior mandato, o ex ministro José Branco, así como o socialista coruñés Orestes Suárez.

Comentarios