Besteiro lamenta que a igualdade “non sexa unha prioridade para o novo goberno de Rueda”

Besteiro interveu hoxe na entrega dos V Premios de Igualdade “Maruja Vázquez Suárez” do PSdeG, que este ano recaeron nas futbolistas galegas Vero Boquete e Paula Dapena.
Silvia Fraga, José Ramón Gómez Besteiro, Paula Dapena, Carmela Silva
photo_camera Silvia Fraga, José Ramón Gómez Besteiro, Paula Dapena, Carmela Silva

O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou o feminismo como “motor xerador de dereitos e liberdades”, e criticou que a igualdade non figure entre as prioridades do goberno galego. Besteiro interveu hoxe na entrega dos V Premios de Igualdade “Maruja Vázquez Suárez” do PSdeG, que este ano recaeron nas futbolistas galegas Vero Boquete e Paula Dapena.

O responsábel socialista fixo unha intervención defendendo o feminismo como “instrumento que sostén e impulsa o cambio de valores na sociedade”, e que ademais é un elemento vertebral do socialismo. Cando se conmemoran os 16 anos do primeiro goberno paritario da historia presidido polo socialista José Luis Rodríguez Zapatero, defendeu a presenza equilibrada das mulleres en tódolos ámbitos.

Criticou así que o goberno galego incumpra o mínimo fixado pola Lei de Paridade, xa que as consellerías dirixidas por mulleres son hoxe menos do 40 por cento do goberno, e púxolle o exemplo do goberno de Pedro Sánchez, no que as mulleres representan o 47,83 por cento e conta cun Ministerio específico.

 

Lamentou que a igualdade “non sexa unha prioridade para o novo goberno de Rueda”, que a deixa “sen Consellería propia, nin dirección xeral nin nada, senón que queda relegada e refundida nas políticas de benestar”.

Gómez Besteiro defendeu a igualdade como valor fundamental para o socialismo xa que, explicou, “non se pode ser socialista sen ser feminista, do mesmo xeito que non pode existir igualdade sen xustiza social para as mulleres, que son máis da metade da poboación”. Por iso esixiu presenza igualitaria das mulleres en todos os ámbitos da poboación, e sinalou a “imprescindíbel transversalidade nas nosas propostas políticas de igualdade entre mulleres e homes”.

Apostou por facer da Galiza un “espazo libre de machismo e de violencia contra as mulleres, onde poidamos vivir en igualdade”, pasando “da igualdade formal á igualdade real e efectiva”. Fixo un chamado a erradicar a lacra da violencia de xénero, que xa provocou a morte de máis de 10 mulleres no que vai de ano, unha delas galega, especialmente “agora que temos que ver como aqueles que a negan teñen cabida en moitas institucións” da man do PP. 

 

Comentarios