Beiras, Francisco Rodríguez e Encarna Otero asistirán á estrea do documental sobre os 40 anos do BNG

Na tarde da cuarta feira, 14 de setembro, terá lugar a estrea do documental que lanza o BNG con motivo do 40 aniversario da súa fundación. O Teatro Principal de Compostela contará coa presenza de históricos dirixentes nacionalistas, como Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez e Encarna Otero, que confirmaron a súa asistencia.

Fundación do BNG no frontón de Riazor, en 1982 (Imaxe: BNG)
photo_camera Fundación do BNG no frontón de Riazor, en 1982 (Imaxe: BNG)

Ás 20 horas desta cuarta feira o BNG presenta no Teatro Principal de Compostela o documental producido con motivo do 40 aniversario da fundación da formación política. Un acto ao que asistirán, segundo puido saber Nós Diario, históricos dirixentes nacionalistas como Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez, Encarna Otero ou María do Carme García Negro, Mario López Rico ou Alfredo Suárez Canal, ademais da actual portavoz, Ana Pontón.

Unha peza documental que o BNG considera “chave” para entender o pasado e o presente do nacionalismo galego. Ademais do interese das entrevistas en si, o documental, conta con gravacións de cineastas como Carlos Varela e outros militantes nacionalistas que lle confiren un dobre valor en termos históricos. 

O documental tamén recolle o testemuño da recentemente falecida Saleta Goi, a quen o BNG renderá homenaxe no propio acto que decorrerá esta tarde no Teatro Principal.

O BNG edita un libro sobre a súa historia

Ademais, o día 21 de setembro, ás 20 horas, no Auditorio Mar de Vigo presentarase o libro 40 anos ao servizo de Galiza. BNG, 1982-2022 que, baixo a autoría de Manuel Anxo Fernández Baz, repasa ano a ano os principais feitos políticos e as actuacións chave do nacionalismo ao longo destes 40 anos nunha edición cun importante peso gráfico, xa que contén máis de 400 fotografías, moitas delas inéditas, de momentos especialmente relevantes da historia do BNG.

O acto central de celebración do 40º aniversario terá lugar o 25 de setembro, ás 12 horas, no frontón de Riazor da Coruña

O acto central de celebración do 40º aniversario terá lugar o 25 de setembro, ás 12 horas, no frontón de Riazor da Coruña, o mesmo día e lugar en que se fundou o BNG. “Congregaremos máis de 1.000 militantes e simpatizantes e faremos un especial esforzo en convidar o tecido asociativo que ten camiñado connosco en moitas loitas ao longo destes 40 anos”, explicou o presidente da Fundación Galiza Sempre, Rubén Cela, a pasada sexta feira, ao dar a coñecer publicamente o programa de actos.

Pontón apela a un BNG "cargado de presente e futuro"

Pola súa parte, Pontón expuxo que os 40 anos de vida amosan que “o BNG ten un proxecto sólido, cargado de presente e de futuro, porque o Bloque é a forza política da Galiza que vén". Reivindicou, ademais, que a formación frontista naceu "para gañar e ser a forza hexemónica na Galiza".

Aos tres actos centrais do mes de setembro seguiranos unha vintena de celebracións de carácter comarcal.

Comentarios