sábado 15/08/20
ELECCIÓNS GALEGAS

Beiras deixa entrever que Martiño Noriega non será candidato á Xunta

O portavoz de Anova, Xosé Manuel Beiras, alega, entre outras cuestións, á lei que fai inelixíbeis aos alcaldes para deixar entrever que Martiño Noriega, rexedor de Compostela, non será o candidato de En Marea á Xunta de Galiza.

[Imaxe: Cadena Ser]
[Imaxe: Cadena Ser]

A cabeza visíbel de Anova e portavoz parlamentar de AGE, Xosé Manuel Beiras, deixou entrever nunha entrevista concedida á Cadena Ser que Martiño Noriega, alcalde de Compostela, non será o candidato de En Marea á Presidencia da Xunta de Galiza.

Na conversa, lembrou que Noriega xa rexeitou liderar AGE en 2012, após ser reelixido rexedor de Teo: “díxenlle a Martiño: debes ser ti. Eu non quería ir máis ao Parlamento, nunca na vida, para que? Levo tres anos perdidos alí, escornándome. Para ser referencia non preciso de estar no Parlamento”. A resposta de Martiño Noriega, do que salientou que é “unha persoa leal cos cidadáns”, foi clara, “hai un ano que fun elixido alcalde con maioría absoluta, débome aos veciños de Teo, non podo dicirlles que marcho”. “Eu creo que esa é a posición que ten e o seu compromiso actual”, apuntou Beiras, en alusión á Alcaldía de Santiago. Ademais, referiuse á “reforma Fraga”, a normativa que fai inelixíbeis aos alcaldes.

Beiras anima a militancia do BNG a botar fóra a cúpula

Pola outra banda, o portavoz nacional de Anova apelou á militancia do BNG para que bote fóra á cúpula. Así, animouna a dicirlle aos e ás dirixentes que “están de sobra, que rectifiquen ou, se non, fuera! É elemental”, salientou.

Respecto dunha posíbel confluencia co Bloque sinalou que “o que non teño eu é ningunha actitude de rexeitamento, aínda que motivos persoais e no plano afectivo non me faltarían porque non fan máis que descualificarme e insultarme etcétera, pero xa sei como son. Non son esas persoas as que supoño que influirían na toma dunha decisión que for converxente”.

comentarios